A alegría do fútbol feminino espállase pola Galiza

Xira de recoñecementos para o Dépor despois do seu ascenso á elite.
As xogadoras do Real Club Deportivo, esta segunda feira na súa celebración do título desde o balcón de María Pita (Foto: Andrea Gestal).
photo_camera As xogadoras do Real Club Deportivo, esta segunda feira na súa celebración do título desde o balcón de María Pita (Foto: Andrea Gestal/DXT Campeón).

Resaca? Non, diso nada. A vida dunha futbolista profesional -agora de pleno dereito logo de fechar o pasado domingo o seu ascenso á Liga F, a única categoría con esa condición no Estado- non dá tregua, e as heroínas do Real Club Deportivo afrontaron esta segunda feira unha xornada de intensa actividade.

A celebración dun feito histórico no deporte galego, pois grazas á fazaña conseguida polas pupilas de Irene Ferreras o fútbol deixou de ser a única disciplina colectiva das consideradas maioritarias na que a Galiza non contaba con representación na súa modalidade feminina, espallouse alén das fronteiras herculinas, contaxiando todo o país.

Deste modo, sen case tempo para durmir, tanto o corpo técnico como o cadro de xogadoras e os membros do Consello de Administración do Dépor desprazáronse até o Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, onde foron recibidas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Este afirmou que as futbolistas xeraron "algo que non se pode parar", e destacou que o seu "triunfo" transcendeu "os límites da Coruña e da Galiza", pois suporá, anticipou, "que moitas nenas decidan dedicarse ao deporte, e que algunhas, con esforzo, poderán incluso facer del o seu modo de vida".

Rematado o encontro, as xogadoras subiron de novo ao autocar para regresar á Coruña, onde esta vez foi a Deputación da Coruña, co seu presidente, Valentín González Formoso, á cabeza, a institución que quixo homenaxealas.

O mandatario salientou durante a súa intervanción o logro que certificou o Dépor, ao que puxo en valor indicando que "é unha institución que leva polo mundo os valores galegos e coruñeses".

Por último, a festa rematou xa no serán no lugar de celebración habitual dos éxitos do Real Club Deportivo, o balcón do Pazo de María Pita. Alí, e xunto á alcaldesa, Inés Rei, as Yohana, Henar, Inés Altamira, Raquel García, Ainhoa Marín, Millene -estas dúas últimas, as autoras dos tres tantos que serviron para derrotar o Cacereño e certificar o ascenso- e compañía festexaron coa masa de seareiros e seareiras un logro que xa forma parte da historia do club e do fútbol galego. 

Irene Ferreras, o cerebro do éxito da muller adestradora

Irene Ferreras é unha rara avis.   Futbolista de vocación, con 13 anos comezaba a súa traxectoria defendendo os paus do Raio Vallecano, onde permaneceu nove anos, até que tras un par de anos no Pozuelo de Alarcón asinou polo Atlético de Madrid.

Baixo os paus colchoneiros conquistou dúas Copas de Madrid, unha Liga de Segunda División, unha Copa da Raíña e outra Superliga... até que as lesións, concentradas no seu caso na zona lumbar, obrigárona a colgar as botas con só 25 anos.

Inmediatamente despois de anunciar a nova, en 2015, realizaba toda unha declaración de intencións: "Non vou vivir sen o fútbol porque toda a miña vida xira arredor del. Serei adestradora".

Agora, nove anos despois, certifica cun ascenso que a piques estivo de lograr o ano pasado, cando colleu un Dépor en descomposición e, paralelamente, reivindica a figura da muller preparadora.

Porque, nunha Liga F na que, salvo sorpresa maiúscula, dirixirá a escuadra branquiazul a próxima tempada, na actualidade 13 dos 16 equipos que a integran teñen técnicos varóns.

Comentarios