Carlos Canal levará o dorsal '1' no Manzaneda Gran Fondo

Participará despois de correr o Mundial Sub-23.
A proba será o 3 de setembro e percorrerá sete concellos. (Foto: Fundación Euskadi / Sprint Cycling).
photo_camera A proba será o 3 de setembro e percorrerá sete concellos. (Foto: Fundación Euskadi / Sprint Cycling).

O maior expoñente do ciclismo galego sobre estrada, Carlos Canal -único que pertence a un conxunto da categoría ProTeam-, volverá á súa terra para portar o dorsal '1' na próxima edición do Manzaneda Gran Fondo, que está programado o próximo 3 de setembro.

A presenza do corredor de Euskaltel Euskadi na estación de montaña será logo da súa participación no Mundial de Ciclismo Sub-23, pois o sábado 12 de agosto, a partir das 12 horas, será da partida na carreira de fondo que unirá o Lago Lomond -ou Laomainn, en gaélico- con Glasgow.

Desde a organización do Gran confirmaron, ademais, que "todas e todos os interesados en pedalear a través das paisaxes naturais das comarcas de Terras de Trives e Caldelas" poderán facelo en dúas distancias diferentes. 

Ambos os percorridos arrancarán dende a Estación de Montaña de Manzaneda e compartirán as ascensións do Alto de Cedeira e do Suspiazo, así como o avituallamento de Chandrexa de Queixa, antes de separarse. O Gran Fondo alcanza os 127 quilómetros, e o Medio Fondo, os 88. Tanto nunha como noutra opción a liña de meta estará situada no cumio de Cabeza de Manzaneda.

A última subida que se afrontará no Gran Fondo, despois do avituallamento de Manzaneda, ten unha lonxitude de 17,5 quilómetros e un desnivel medio do 6,3%. Os derradeiros sete quilómetros son compartidos, pero no Medio Fondo o treito inicial desa ascensión é menos esixente, polo que os 16,8 quilómetros das ramplas que conducen até a meta quedan en 3,4% de pendente media.

Estes dous trazados, "adaptados ao estado físico e á motivación de cada participante", transcorren por un total de sete concellos: Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo e Chandrexa de Queixa.

O prazo para reservar dorsal, tal e como confirmaron desde a organización, rematará o 30 de agosto, cuarta feira. Ademais, as inscricións, que xa superaron a barreira das 150 e até alcanzar a de 200 manterán unha "tarifa reducida de 20 euros", subirán de prezo a 25. No caso das e dos ciclistas que non estean federadas deberán abonar, a maiores, 10 euros extra. Todo iso, lembran, poderá facerse de forma online a través da web da Federación Ciclismo Galego.

Comentarios