Previa do fútbol

O Celta busca sumar puntos ante o Barcelona e deixar atrás o mal inicio de tempada

A Liga volve outra xornada máis e para esta fin de semana as olladas centraranse no difícil compromiso dos homes de Rafa Benítez. Ademais, Racing e Dépor xogarán na casa, Lugo en Donostia e Celta Fortuna e Arenteiro protagonizarán o derbi da fin de semana.
Iago Aspas nunha xogada en Balaídos a semana pasada (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas nunha xogada en Balaídos a semana pasada. (Foto: RC Celta)

Nova xornada de liga para os equipos galegos de fútbol de Primeira, Segunda e Primeira RFEF co centro de atención posto na visita do Celta a Barcelona, os compromisos de Racing, CD Lugo e Dépor ademais do derbi entre Celta Fortuna e Arenteiro. Para o Celta, o partido contra o FC Barcelona deste sábado (Estadi Olímpic Lluís Companys, 18.30 horas) é decisivo tras un inicio de tempada moi diferente ao que tivo na 2022-2023. Hai un ano, os celestes, daquela baixo as ordes de Eduardo Coudet, chegaban ao sexto encontro da máxima competición con sete puntos mentres que nesta contan con catro tras empatar coa Real Sociedade, vencer ao Almería e perder diante do Osasuna, Real Madrid e Mallorca.

Na memoria celtista aínda segue viva a vitoria por 2-1 en Balaídos da última xornada da tempada pasada que lle permitiu aos celestes continuar na categoría no curso do seu centenario. A diferenza, agora, é que desta vez non contan con Gabri Veiga -autor dos dous tantos ese día- e que, ademais das novas incorporacións no campo, quen marca as decisións técnicas é Rafa Benítez. Para buscar outra vitoria, mais no Camp Nou, hai que ir a maio de 2021, un recordo que terán hoxe Iago Aspas e Fran Beltrán. 

Na rolda de prensa previa,  Benítez comunicou que poderá contar con todo o equipo coa excepción de Franco Cervi. Estarán, polo tanto, os ex barcelonistas Óscar Mingueza e Carles Pérez. Do Barça, o técnico sinalou que “será difícil, seguro mais imposíbel, non. Se facemos as cousas ben, podemos complicar a vida a calquera” polo que cre que “contra o Barcelona, non basta con facelo ben, senón moi ben”. Sobre a falta de gol de Iago Aspas recoñece que “fallou ocasións nos partidos” mais cre que “se as segue tendo, vai marcar”. 

A Malata responde

Na sétima xornada de Segunda, o Racing de Ferrol terá que agardar até a segunda feira para xogar o seu partido na casa contra o Zaragoza (A Malata, 21 horas). Chega en oitava posición con nove puntos nunha semana atípica, máis longa do normal. Desta vez, á rolda de prensa previa acudiu Jesús Bernal, o xogador aragonés dos verdes, un dos imprescindíbeis para Cristóbal Parralo. “É un equipo que vai estar arriba e deséxolle o mellor en todos os partidos menos cando se enfronten a nós, obviamente”, asegurou o centrocampista. 

Por outra parte, no aspecto social, A Malata respondeu. Ferrol demostrou que está co equipo da cidade e esgotou en horas os últimos carnés de abonados que se puxeron á venda. A cifra final de abonos é de 8.613, un récord que supera o anterior 1ue tivera na tempada 1964-65. 

Derbi en Primeira RFEF

Nesta quinta xornada tamén toca derbi na Primeira RFEF. O Celta Fortuna recibirá o domingo ao Arenteiro (Balaídos, 19 horas) nunha situación favorábel aos do Carballiño na táboa (11º posto diante do 13 dos celestes) mais empatados con catro puntos ambos os dous. En opinión do xogador celeste Alfon González, en referencia á situación actual do conxunto filial, asegurou que "os puntos chegarán" e recoñece que a perda de puntos -oito desde o inicio da competición- foi consecuencia "de detalles". Desde o Arenteiro prepararon a conciencia este encontro mesmo a nivel de desprazamento da afección. Estes días realizaron unha forte campaña para levar o máximo apoio até Vigo.

Nesta categoría do fútbol estatal, o equipo galego mellor clasificado esta tempada segue a ser o Dépor que recibirá este sábado na Coruña ao Cornellà (Riazor, 20 horas). O seu técnico, Imanol Idiakez, na comparecencia de onte en Riazor, recoñeceu que á baixa Yeremai sumouse esta semana a de Mella, Barbero e Ximo.

“É unha faena, pero estarán outros. Temos moitas ganas de gañar na casa” polo que, asegura,  “preparamos ben o partido”. Neste sentido, apuntou que “hai alternativas e capacidade e calidade para gañar”. O adestrador vasco do Dépor asegurou que, malia as circunstancias actuais, “a  idea non vai cambiar “ aínda que ten seguro que “desde as capacidades dos futbolistas hai que atopar as fortalezas" mais  "as baixas obrígannos a facer modificacións”. 

O CD Lugo, pola súa parte, visitará o sábado Donostia para medirse á Real Sociedade B (Zubieta, 18 horas). Décimo na táboa de clasificación con cinco puntos, a vitoria sentaría ben para tranquilidade da afección. O técnico dos galegos, Pedro Munitis, avisou en rolda de prensa do potencial do equipo vasco. “Queren o balón, manexan posesións longas, axustan os tempos”, comentou o adestrador cántabro, polo que “obrigarannos a convivir sen balón, trátase dun equipo que defende alto, que encaixa pouco, e que incomoda desde posicións altas.

O partido será moi complexo". O equipo lucense tentará este sábado “non regalar o balón, hai que incomodar” polo que buscará “ataques máis longos, estamos capacitados para ter balón, e trataremos de que os nosos xogadores estean cómodos no contexto". A chave, para o técnico albibermello, está  en "traballar diferentes situacións para poder activar varios plans de partido" nos que "xerar situacións de gol na portería rival".

Comentarios