Xustiza

Arquivada a denuncia do Dépor contra un ex director corporativo polo traspaso de Angeliño ao City

O clube coruñés acusaba González-Dans de apropiación indebida, pero o xuíz non ve agora indicios da comisión de delitos.

José Ángel Esmorís Tasende 'Angeliño', formado na canteira branquiazul, nun partido co Manchester City. (Foto: Ben EARLY / Pro Sports Images Lt / AFP7 via Europa Press)
photo_camera José Ángel Esmorís Tasende 'Angeliño', formado na canteira branquiazul, nun partido co Manchester City. (Foto: Ben EARLY / Pro Sports Images Lt / AFP7 via Europa Press)

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 5 da Coruña vén de decretar o sobresemento provisional e arquivo das dilixencias abertas por mor dunha denuncia presentada polo Real Club Deportivo da Coruña contra José González-Dans, ex director corporativo do clube, pola presunta comisión dun delito de administración desleal e doutro delito de apropiación indebida en relación co traspaso do futbolista José Ángel Esmorís Tasende 'Angeliño' ao Manchester City, no verán de 2012, e as súas posteriores vendas a outros equipos.

O xogador natural de Coristanco (Bergantiños) e canteirán do Dépor foi traspasado, cando aínda era cadete, ao equipo inglés a cambio de 200.000 euros, así como coa reserva dunha porcentaxe sobre as plusvalías que puidese obter o City de posteriores traspasos a outros equipos. E en xullo de 2018, de feito, os 'citizen' pactaron a venda do lateral esquerdo ao PSV Eindhoven por 5 millóns de euros —con opción de recompra de 12 millóns—. O equipo inglés informou entón ao Dépor que lle correspondía percibir 895.989 euros.

O clube galego emitiu unha factura desagregada en dous pagamentos, de 447.994 euros cada unha; porén, antes de abonarse o segundo ingreso, o City exerceu a opción de recompra para incorporar o xogador na campaña 2019-20. Con todo, en xaneiro de 2020 foi cedido ao RB Leipzig alemán, unha cesión que se renovou na 2020-21 e que incluía unha opción de compra por parte do equipo alemán por 18 millóns, exercida en febreiro de 2021.

Neste contexto, en agosto de 2021 o Deportivo remitiu un requirimento ao Manchester City para reclamar as cantidades que estimaba pendentes de abono polos diferentes traspasos de que fora obxecto o xogador. En concreto, demandábase o segundo prazo correspondente do traspaso ao PSV e o 20% da plusvalía correspondente á venda ao RB Leipzig.

E o Manchester City respondeu negando a existencia das citadas débedas. A respecto da primeira, porque o PSV non abonara ese segundo prazo, e no referido á segunda, porque entendía ese dereito á plusvalía só aplicábel ao primeiro traspaso e non aos posteriores. Após unha infrutuosa reclamación ante a xurisdición civil, a cuestión tivo que someterse á arbitraxe da Comisión do Estatuto do Xogador da FIFA, que foi desestimada en relación ás pretensións do Deportivo, posto que o denunciado atendería un mail remitido polo mánager do Manchester City negando a procedencia do pagamento do segundo prazo do traspaso ao PSV Eindhoven, e en contestación ao mesmo emitiuse —en marzo de 2020— unha factura rectificativa no sentido de aceptar a inexistencia da débeda reclamada.

O Dépor denunciaba que isto fora unha actuación unilateral de González-Dans, sen coñecemento do presidente nin do conselleiro delegado. Agora, porén, o xuíz non acha indicios da comisión dos delitos. No auto, explica, respecto ao presunto delito de administración desleal, que o investigado, "en termos xerais, actuaba no exercicio das súas funcións, con plena autonomía, suxeito só ás concretas instrucións que a directiva ou o Consello de Administración da denunciante lle puidesen dirixir".

Así, subliña que neste caso "non existiron ordes ou indicacións expresas dos órganos de goberno do Real Club Deportivo a respecto da forma de proceder en relación á solicitude por parte do mánager xeral do Manchester City para a emisión da factura rectificativa ou de abono en relación ao segundo pago do traspaso do xogador ao PSV Eindhoven".

"Por tanto, non existiría ningunha extralimitación do investigado nas súas funcións como administrador, ao non ignorarse por este ningún límite expreso imposto polos órganos de goberno do clube", conclúe o maxistrado, que engade que, ademais, "tampouco resulta claro, aos fins destas dilixencias penais, que houbese prexuízo económico".

E, no que atinxe ao presunto delito de apropiación indebida, destaca que o investigado "non incorporou ao seu patrimonio, a consecuencia dos feitos denunciados, ningún diñeiro, efecto, valor, nin tampouco obrou para que o fixese un terceiro". O xuíz incide en que, por tanto, o investigado "non contribuiría a que o Manchester City puidese beneficiarse patrimonialmente por un concepto respecto do que non tivese ningún título para percibilo".

Comentarios