O Celta confía en 'atar' Aspas e Giráldez máis alá de 2025

Marián Mouriño gábase de recuperar a "paz social" en Vigo no seu primeiro ano de mandato.
A presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: RC Celta)
photo_camera A presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: RC Celta)

A presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, compareceu esta quinta feira en rolda de prensa desde a sede da entidade na rúa do Príncipe de Vigo para facer un primeiro balance dunha tempada que comezou con moita ilusión e grandes expectativas. Acompañárona o director de Fútbol, Marco Garcés, e o director executivo do club, José Gainzarain. A dirixente comezou a súa intervención agradecendo ao celtismo "este fermoso ano" co que se estreou na presidencia, e salientou o "emocionante" que é para ela "cantar o himno [a Oliveira dos cen anos] en Balaídos" antes de cada partido.

O pasado curso, primeiro con Rafa Benítez aos mandos e desde marzo con Claudio Giráldez, non foi doado para o primeiro equipo do Celta, mais a bancada "sempre estivo aí nos momentos difíciles", afirmou Mouriño, quen tamén tivo boas palabras para o novo Consello de Administración, todo o persoal do club e "as institucións de todas as cores políticas que se sumaron ao proxecto", no seu afán por "recuperar a paz social" e reconstruír pontes que parecían derrubadas nos últimos anos de mandato do seu pai e predecesor no cargo, Carlos Mouriño.

Agora que as cousas volven saír ben sobre o céspede, unha das principais preocupacións do celtismo é coñecer o futuro da súa grande estrela, Iago Aspas, que o pasado agosto fixo 37 anos e cuxo contrato expira en xuño de 2025. Neste punto, Marco Garcés resolveu con rotundidade: "Xogará connosco tanto tempo como el queira. Xa lle fixemos un convite aberto a iniciar as conversas cando el queira".

E cuestionado tamén sobre a continuidade do adestrador, que tamén ten contrato até o remate desta tempada, o responsábel de Fútbol do Celta manifestou a súa satisfacción cos resultados dos últimos meses e o xogo do equipo: "Estamos moi contentos con Claudio, el sábeo. E nós tamén sabemos que el está moi cómodo co club, coa afección e con todo. Agora é unha cuestión de tempos".

Obras en Balaídos

Sobre a reforma da última bancada que fica pendente de modernizarse no templo celeste, a de Gol, dixo que o Celta está xa preparado para traballar "de forma coordinada" co Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra e confiou en que esta obra sexa "máis fácil e áxil". Reformas como esta, admitiu, "sempre son complicadas" e traerán "algunha dificultade na recolocación dos seareiros e seareiras de Gol", mais prometeu darlles unha "boa atención".

O club traballa xa tamén na renovación do convenio de Balaídos —caduca en 2034— e ten xa as conversas "avanzadas" co Goberno local, pero non está sobre a mesa, cando menos polo de agora, unha eventual ampliación da capacidade a través, fundamentalmente, da bancada de Tribuna.

As contas, en negativo, mais "asumíbeis"

No relativo á situación financeira desta entidade centenaria, José Gainzarain, se ben non ofreceu cifras concretas, sinalou que o resultado do pasado exercicio é "negativo, mais asumíbel". E o Celta goza a día de hoxe de "moi boa" saúde económica, con "débeda cero". O despedimento de Rafa Benítez, quen asinara un contrato millonario por tres anos, supuxo un notábel buraco nas contas, se ben o director executivo matizou que "as arcas non se viron danadas en exceso" e puideron "cumprirse os desexos de Marco [Garcés] e Claudio [Giráldez]" no mercado.

Comentarios