Claudio Giráldez renova como adestrador do RC Celta até 2025

O adestrador continuará unha tempada máis ao mando da escuadra celtiña.
Iago Aspas e Claudio Giráldez (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas e Claudio Giráldez (Foto: RC Celta).

O RC Celta vén de anunciar a renovación de Claudio Giráldez como adestrador do primeiro equipo até 2025, o que significa que o de Porriño estará aos mandos da escuadra celtiña, cando menos, durante a próxima tempada.

O director de Fútbol celeste, Marco Garcés, xa insistira nas declaracións que fixera durante a súa presentación como substituto do destituído Rafa Benítez, en que o técnico xa tiña enriba da mesa unha oferta para estender a súa vinculación co Celta alén do verán.

Para Garcés, o ex preparador do Fortuna é o idóneo para o cargo, con independencia da categoría na que militen a próxima tempada. Neste sentido, non quere "nin oír falar doutra alternativa" que non sexa xogar na Primeira División na 2024/25.

Comunicado do Club

"Club e adestrador selaron nas últimas horas un acordo que fecha a súa continuidade e a dos integrantes do actual corpo técnico do preparador celeste", afirmou o RC Celta no comunicado de renovación de Claudio Giráldez.

"Natural de Porriño, Claudio é o paradigma de técnico da casa. A súa traxectoria no club nace en xullo de 2015, cando se uniu á estrutura do RC Celta para dirixir, con gran éxito, diversos equipos de base", engadiu a escuadra.

"Na tempada 2021/22, fíxose cargo do equipo xuvenil quedando campións da División de Honra. Un logro, unido a unha proposta futbolística valente e efectiva, que lle serviu para que na seguinte tempada 2022/23 se lle confiara a dirección da Celta Fortuna. Durante ese período, o equipo lograba alcanzar o playoff de ascenso a Segunda División demostrando o seu talento e capacidade", destacou.

"Comprometido coa filosofía do club, o técnico representa as raíces e os valores que diferencian ao RC Celta no ámbito nacional e internacional. Uns valores polos que o RC Celta confía plenamente en Claudio Giráldez para continuar á fronte do primeiro equipo a próxima tempada", culminou o equipo.

Comentarios