A CRÓNICA | Afundimento do Celta de Giráldez ante o Alavés (3-0)

Contundente derrota nun moi mal partido do combinado celeste, que deixa escapar unha oportunidade de ouro para dar un paso de xigante de cara a asegurar a permanencia.

 

 

O Alavés demostrou xogar cunha marcha máis que os celestes (de vermello nesta ocasión). (Foto: Deportivo Alavés).
photo_camera O Alavés demostrou xogar cunha marcha máis que os celestes (de vermello nesta ocasión). (Foto: Deportivo Alavés).

Tocará seguir bogando. O Celta non tivo ningún tipo de opción ante o Alavés e caeu derrotado en Mendizorroza por 3 tantos a 0.

A escuadra celeste chegaba a Vitoria con boas perspectivas, dados os sete puntos en catro partidos que sumou desde a chegada de Giráldez e os dous triunfos consecutivos que acumulaba nas súas últimas visitas ao coliseo gasteizatarra.

Porén, o Alavés, un rival directo na loita pola salvación –antes do comezo do choque sumaba 35 puntos, por 31 do Celta-,  enseguida derrubou eses castelos no aire construídos sobre a base das sensacións, a historia e a estatística.

Formou Giráldez de inicio con Guaita, Mingueza, Unai Núñez, Carlos Domínguez; Fran Beltrán, Jaílson, Carles Pérez, Hugo Álvarez, Manu Sánchez; Iago Aspas e Douvikas, unha aposta con moitas caras novas que non saíu nada, pero que nada ben.

Porque a escuadra olívica tardou 84 minutos en materializar o seu primeiro disparo entre os tres paus, un período de tempo no que os locais marcaron dous tantos (Simeone, ’48; Guridi, ’54) que puideron ser moitos máis de ter maior fortuna de cara á portería contraria –o propio Guridi enviou un tiro ao pau no minuto 75- e non ter enfronte un soberbio Vicente Guaita, que evitou que a goleada adquirise niveis obscenos.

Non puido facer nada, non obstante, no '86, cando Benavidez sacou petroleo do enésimo desaxuste defensivo da zaga para subir ao marcador o terceiro e definitivo tanto do xogo e deixar un Celta que a próxima semana ten un duelo na casa co Vilarreal. 

Máis en DEPORTES
Comentarios