Fútbol

O Deportivo asegúrase contra o caos

García Diéguez, que procede de Abanca Seguros, sexto presidente branquiazul nos últimos cinco anos.
O sucesor de Couceiro (diante), escoltado por Vicente Fernández, Carlos Ballesta, Álex Bergantiños, Michelle Escotet e David Villasuso.  (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O sucesor de Couceiro (diante), escoltado por Vicente Fernández, Carlos Ballesta, Álex Bergantiños, Michelle Escotet e David Villasuso. (Foto: RC Deportivo).

A novela da eterna crise branquiazul viviu esta segunda feira un novo capítulo coa entrada dun flamante Consello de Administración que pasa a estar presidido por un home sen experiencia algunha no mundo do fútbol e que desde 2015 exercía como director xeral de Abanca Seguros, Álvaro García Diéguez.

O sucesor de Antonio Couceiro á fronte do conxunto branquiazul  tomou posesión do cargo nunha Xunta Xeral Extraordinaria moi criticada por parte dun amplo sector da parroquia deportivista por desenvolverse única e exclusivamente de forma telemática, o que dificultou a intervención das numerosas voces críticas sobre o rumbo do club.

Isto quedou máis que demostrado na participación na mesma, pois estivo representado 76,75% do accionariado, porcentaxe que corresponde case en exclusiva ao máximo accionista, Abanca, que controla arredor de 76% dos títulos, o que explica que a designación do novo Consello de Administración contase cun abrumador apoio de 99,912% dos votos.

Acompañando Álvaro García Diéguez, en calidade de conselleiros, estarán o recentemente retirado Álex Bergantiños, Carlos Ballesta -eterno asistente de Arsenio Iglesias á fronte do Súper Dépor na primeira metade dos anos 90-, Michelle Escotet -ex xogadora do Dépor e sobriña do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet-, un home con experiencia no deporte local como Vicente Fernández e o único sobrevivinte do anterior Consello, David Villasuso.

Nova Xunta en setembro

García, nas súas primeiras declaracións como presidente do Deportivo, anunciou a súa intención de convocar unha nova Xunta Extraordinaria de Accionistas, que nesta ocasión se desenvolvería no mes de setembro e que tería como finalidade a saída do club do concurso de acredores no que leva sumido desde o ano 2014, o que tendo en conta que a débeda aínda se sitúa sobre os 18 millóns de euros significaría, con case total seguridade, que se levará a cabo unha ampliación de capital ou un crédito participativo que conduciría a un novo aumento do control de Abanca sobre o Real Club Deportivo.


Comezo da pretempada sen Olabe

Lonxe de Riazor, e ao mesmo tempo que o novo Consello de Administración branquiazul se presentaba en sociedade, regresaban ao traballo na Cidade Deportiva de Abegondo os homes que -polo de agora- conforman o cadro de xogadores de cara á tempada 2023/24

Tras someterse a unha analítica a cargo dos servizos médicos do club, a continuación inxeriron un almorzo antes de dividirse en dous grupos que se repartiron entre as propias instalacións de Abegondo e o Hospital Quirón da Coruña para completar o preceptivo recoñecemento médico, que se estenderá tamén durante a xornada de hoxe.

Xa que logo, non será até mañá cando o balón bote a rodar baixo as ordes do debutante técnico Imanol Idiakez, que terá ás súas ordes o recentemente contratado Pablo Vázquez.

Quen non estarán serán o canteirán Trilli -con permiso do club á espera da súa incorporación ao filial do Fútbol Club Barcelona- e o donostiarra Roberto Olabe. O mediocentro empregou unha cláusula que lle permitía saír de non ascender e fichará polo Ibiza.

Comentarios