A elite do medio fondo rétase en Carballo polo Campionato da Galiza

As obras no centro da localidade mudarán o circuíto.
medio fondo

Carballo acollerá o domingo 2 de xuño a duodécima edición da carreira popular '10K', un evento deportivo multitudinario inserido no Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña que organiza a área de Deportes do Concello e no que colaboran diversas entidades deportivas locais.

As características xerais dunha proba que xa ten aberto o seu prazo de inscrición non varían con respecto ao ano 2023. Isto significa que as distancias seguirán sendo de cinco e de 10 quilómetros, e que a participación estará aberta desde nenos e nenas nadas no ano 2021 até as máis veteranas. 

Non obstante, nesa ocasión o trazado será sensibelmente diferente, a causa das obras que se están levando a cabo no centro urbano desta poboación da comarca de Bergantiños. 

Ademais, e por segunda vez, a carreira popular Carballo '10K' adquirirá a condición de Campionato da Galiza, aínda que na modalidade de cinco quilómetros en ruta, condición que garante a presenza alí dos e das mellores mediofondistas do país na distancia.

Antía Chamosa, medalla de bronce mundial

Sen deixar o atletismo, pero cambiando até a disciplina de marcha, a pontevedresa Antía Chamosa, que conta con 24 anos de idade, continúa dando mostras da súa progresión.

O seu último éxito foi en Antalya (Turquía), onde logrou colgar do pescozo a medalla de bronce no Campionato do Mundo de marcha por equipos na modalidade dos 20 quilómetros.

Peres Jepchirchir, nova 'recordwoman' de maratón

Paralelamente, en Londres a kenyana Peres Jepchirchir rebaixou o récord do mundo feminino de maratón en 45 segundos, completando os 42,195 quilómetros en 2.16.16.

Comentarios