A FIFA abre expediente a Rubiales

O bico sen consentimento á xogadora Jennifer Hermoso podería resultar constitutivo de violación do Código Disciplinario da entidade

O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).
photo_camera O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).

A Comisión Disciplinaria da FIFA anunciou esta quinta feira, 24 de agosto, que abre un “procedemento disciplinario” contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, polos feitos ocorridos durante a final do Mundial feminino, en referencia ao bico nos beizos que o presidente lle deu á xogadora Jennifer Hermoso sen o seu consentimento durante a entrega de medallas como campioas do torneo.

“A Comisión Disciplinaria da FIFA informou no día de hoxe ao Sr. Luis Rubiales, presidente da RFEF, da apertura dun procedemento disciplinario contra el con base nos feitos acontecidos durante a final da Copa Mundial Feminina da FIFA, o pasado domingo 20 de agosto de 2023”, avanzou o organismo nun comunicado.

Segundo explicou a entidade, o bico a Hermoso e a súa actitude durante a celebración do título “podería resultar constitutivos de violacións dos artigos 13.1 e 13.2 do Código Disciplinario da FIFA”.

A Comisión da FIFA non ofrecerá máis información sobre este procedemento disciplinario até a adopción dunha decisión final sobre o mesmo.

Ademais, a entidade reiterou o seu compromiso “absoluto” co respecto á integridade de todas as persoas. “E polo mesmo condena co maior vigor todo o comportamento en contrario”, concluíu o comunicado da FIFA.

Comentarios