A FIFA confirma a inhabilitación de Rubiales durante tres anos para calquera actividade relacionada co fútbol

A FIFA actuou así tras os feitos ocorridos durante esa final do Mundial disputada o pasado 20 de agosto en Sídney (Australia), onde Rubiales fixo xestos obscenos na bancada e logo bicou nos beizos á futbolista Jenni Hermoso, sen o consentimento dela.
O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales, durante unha rolda de prensa cando aínda estaba no cargo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales.

A Federación Internacional de Fútbol (FIFA), máximo organismo do deporte a nivel mundial, confirmou esta cuarta feira a súa inhabilitación imposta por un período de tres anos a Luis Rubiales, ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), para exercer calquera actividade futbolística, por mor do seu comportamento durante a final do pasado Mundial feminino.

"Prohíbeselle participar en calquera actividade relacionada co fútbol por un período de tres anos por comportarse de maneira contraria aos principios consagrados no artigo 13 do Código Disciplinario", informou a propia FIFA mediante un comunicado de prensa.

O colombiano Jorge Iván Palacio, o ganés Anin Yeboah e o austríaco Thomas Hollerer foron os membros do Comité Disciplinario da FIFA que confirmaron esta decisión para sancionar Rubiales, xa adoptada o pasado 30 de outubro e que fora recorrida nos xulgados polo propio ex presidente da RFEF.

A FIFA actuou así tras os feitos ocorridos durante esa final do Mundial disputada o pasado 20 de agosto en Sídney (Australia), onde Rubiales fixo xestos obscenos na bancada e logo bicou nos beizos á futbolista Jenni Hermoso, sen o consentimento dela.

Outra suspensión

O ex máximo mandatario da RFEF xa foi suspendido pola FIFA o pasado 26 de agosto con carácter provisional, durante un período inicial de 90 días, e máis adiante deuse a coñecer a inhabilitación por tres anos; todo iso, en virtude do estipulado nese artigo 13 do Código Disciplinario do máximo organismo futbolístico internacional.

De todos os modos, esta nova decisión da FIFA pode ser impugnada ante a súa Comisión de Apelación. "Calquera parte que desexe apelar debe anunciar a súa intención de facelo por escrito a través do Portal Legal da FIFA dentro dos tres días seguintes á notificación dos motivos da decisión", precisou o comunicado de prensa finalmente.

Comentarios