A Liga Galega de Traiñeiras regresa con 25 conxuntos na liña de saída

Ares e Chapela Wofco son as vixentes campioas.
Presentación da nova tempada da LGT na illa de San Simón. (Foto: Liga LGT).
photo_camera Presentación da nova tempada da LGT na illa de San Simón. (Foto: Liga LGT).

O pintoresco enclave da Illa de San Simón, no concello de Redondela (Vigo), serviu de escenario para que a organización dese a coñecer os detalles da nova tempada da Liga Galega de Traiñeiras (LGT), unha proba organizada pola Asociación Liga Noroeste e que neste 2024 volverá contar con tres modalidades.

En total serán 25 as embarcacións que se sitúen na liña de saída o próximo 30 de xuño, cando comezará unha andaina competitiva que rematará o 25 de agosto. A Liga 'A' será a primeira en activarse, concretamente no antedito domingo 30 de xuño en Narón. A máxima categoría masculina, da que Ares é a vixente campioa, ten como novidades no seu elenco de 12 traiñeiras a Samertolameu, procedente da Liga Eusko Label, e a dous equipos que a pasada campaña ascenderon desde a Liga 'B': URME -conxunto xurdido da fusión de Muros, Esteirana e Mugardos- e A Cabana.

Con respecto ás outras dúas divisións, a Liga 'B' masculina e a Liga Feminina, os e as súas integrantes deberán agardar até o sábado 6 de xullo, na seguinte fin de semana, para entrar en acción, concluíndo o calendario -tamén para a Liga 'A'- durante o histórico Trofeo Teresa Herrera da Coruña, que dilucidará os premios finais da tempada.

Así, na segunda categoría dos varóns mantense o mesmo número de escuadras que en 2023 (6), e A Pobra parte como gran favorita para recuperar o lugar na elite que perdeu hai un ano. Ademais, Cedeira regresa despois de 12 meses de inactividade, e o filial de Bueu-Simei emerxe como única debutante.

E, finalmente, a Liga Feminina contará con Chapela Wofco como rival a bater, logo de subir ao máis alto do podio en 2023. A tripulación redondelá colidirá con outras seis naves, entre as que se atopa a filial de Cabo da Cruz, unha traiñeira que vivirá a súa campaña de estrea.

Comentarios