Entrevista | París 2024

Manu Ochoa: "O momento é bo, cunha boa preparación agardo estar na parte de arriba da táboa"

O padexeiro Manu Ochoa (Tomiño, 1998) será o único representante galego en París dunha modalidade de piragüismo que se estrea nestes Xogos, o kayak cross. A Federación de Piragüismo elixiuno esta segunda feira para ocupar a praza que el lograra na Copa do Mundo de Praga, onde se fixo co ouro.
O padexeiro Manu Ochoa, na Copa do Mundo de Praga. (Foto: RFEP)
photo_camera O padexeiro Manu Ochoa, na Copa do Mundo de Praga. (Foto: RFEP)

—En primeiro lugar, parabéns  por lograr ese billete para os Xogos. Foi vostede quen logrou a praza no Preolímpico de Praga,  mais era decisión da Federación Española de Piragüismo a quen asignarlla. Agardábao?
Vivino con moita incerteza. Tanto eu como David Llorente [o outro aspirante] sabiamos que sería moi difícil, e nin el nin eu pensabamos que un de nós fose o elixido.

—De feito, teño entendido que son bos amigos.
Si, esta é a parte fea do deporte, que só pode gañar un. Sempre se di que hai que desfrutar do camiño, pero entendo que para el isto ten que ser duro.

—Que supuxo para vostede esa chamada?
Cando me chamaron imaxinei por que podía ser, mais non sabía que decisión tomaran. E cando me confirmaron que a praza era miña sentín unha mestura de sentimentos: por unha parte, un enorme agradecemento, alegría e satisfacción, pero tamén tristura polo meu compañeiro.

—Supoño que a euforia tamén se apoderou dos seus familiares e amizades. Que lle dixeron?
Están todos moi contentos e agradecidos, igual ca min, por ter esta oportunidade. Veño dun lugar e un club moi humildes, e lograr unha praza para os Xogos... isto non é algo habitual, é único.

—Con todo, após recibir a confirmación vostede mesmo dicía que non é momento de celebracións, pois toca empezar a traballar na preparación dos Xogos. Xa coñece as instalacións nas que competirá?
Si, xa empezamos a preparar a competición. Hoxe [por onte] reuninme co adestrador para ver a planificación. Nas próximas semanas viaxaremos a miúdo para habituarnos ao canal. De feito, eu xa investín varias horas en París e teño algo de rodaxe, mais tiveron que facer unha serie de modificacións e iso aínda non o controlamos.

Respecto ao kayak cross sempre hai varios puntos que poden marcar a diferenza no circuíto, que aínda non coñecemos e que nos presentarán proximamente para poder adestrar dúas semanas antes. Para lograr a vitoria nesta modalidade é fundamental facer unha boa saída para escapar e ficar en cabeza desde o principio.

—E precisamente grazas a unha moi boa saída vostede conseguiu proclamarse campión en Praga.
O caso de Praga foi algo diferente. Cando falo de escapar e de pórse en cabeza, refírome a facelo de principio a fin. E alí aínda tiven que disputar o primeiro posto tras a saída cun dos rivais. Nesta proba, gañar a posición dá unha vantaxe enorme.

—O kayak cross debuta como proba olímpica en París 2024. Cal diría que é a principal diferenza con outras modalidades de slálom?
O obxectivo de facer o kayak cross olímpico era dar máis visibilidade a este deporte, e creo que se está conseguindo. No piragüismo slálom poderiamos dicir que hai un compoñente táctico inferior e un técnico maior, e no kayak cross cambian as fortalezas na balanza, e nótase máis o físico.

—O físico pode ser determinante entón nesta disciplina.
Quen é bo no slálom é bo tamén no kayak cross. Pero é certo que aquí vemos moitos perfís, de atletas máis lixeiros e outros máis grandes. E estes no corpo a corpo teñen unha gran vantaxe, son máis fortes na disputa.

—Con que obxectivos viaxa a París? Despois de lograr o ouro na Copa do Mundo de Praga cunha brillante actuación, confía en estar na loita polos metais tamén nestes Xogos Olímpicos de París?
O obxectivo principal é facer a mellor preparación posíbel e maximizar o rendemento para poder alcanzar todo o meu potencial durante a competición. Creo que o momento é bo e que, se sigo así, cunha boa preparación podo estar na parte de arriba da táboa nestes Xogos Olímpicos.

—Veremos a Manu Ochoa voltar a Tomiño cun ouro pendurado do pescozo?
Oxalá!

—Van ser semanas de intenso traballo e máxima tensión. Estará acompañado en París dalgún familiar ou amizade?
A idea é que si. Isto foi un pouco a última hora, son un dos últimos atletas do Estado español ao que lle deron praza nos Xogos Olímpicos. A miña parella e a miña familia están intentando organizar a viaxe, mais está a haber unha demanda moi elevada e os aloxamentos ademais están bastante caros.

Incerteza até o momento final

O combinado estatal asegurara o billete na proba da Copa do Mundo decorrida en Praga (República Checa) a comezos de mes, un evento no que se repartían os últimos billetes para París e no que o propio Manu Ochoa logrou imporse na final aos seus rivais para pendurar o ouro do seu pescozo. Porén, a praza non era nominal, e dependía da Federación seleccionar o seu representante para esta disciplina.

A decisión adiouse até unha vez rematada a última competición internacional antes dos Xogos, a Copa de Europa de Cracovia (Polonia) desta pasada fin de semana. Ochoa alcanzou as semifinais e a Federación decantouse finalmente por el en lugar do outro aspirante, o segoviano David Llorente, que en maio obtivo o bronce no Campionato de Europa de Tacen (Eslovenia). Canda Ochoa estará en París o padexeiro catalán Miquel Travé, que competirá tanto en kayak cross como na modalidade C1.

Comentarios