Pontevedra torna na capital do atletismo de base estatal

Acolle o Campionato de España por Seleccións Sub-18.
Lara Iglesias -á esquerda, con Antía Alcalde- é favorita na xavelina. (Foto: Atletismo Barbanza).
photo_camera Lara Iglesias -á esquerda, con Antía Alcalde- é favorita na xavelina. (Foto: Atletismo Barbanza).

As pistas pontevedresas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) preparanse para recibir esta fin de semana o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) Sub-18, unha cita na que participarán todos os territorios do Estado agás Ceuta e Melilla.

O torneo, que desenvolveu a súa primeira edición en 2002 e desde entón disputouse de forma intermitente, achégase mañá aos dous lustros de vida en forma de esixente reto para a selección galega.

Esta, sabedora de que estará competindo contra combinados moi potentes -ao fronte dos cales se atopa o catalán, vencedor das catro últimas edicións-, contará ao seu favor co 'factor campo', pois os e as representantes do país estarán arroupadas por todas as persoas que se agarda acudan ás bancadas do Centro Galego de Tecnificación Deportivo de Pontevedra.

Ademais, a historia tamén revela o peso da Galiza, pois no palmarés deste CESA Sub-18 tan só catro territorios poden presumir de ter subido ao máis alto do podio: a antedita selección catalá, a madrileña, a andaluza e a galega, quen logrou no ano 2002 levantar o título na categoría feminina e dous anos máis tarde, en 2004, o da modalidade masculina.

Lara Iglesias lidera unha expedición de 22 atletas

Para este encontro, a área técnica da Federación Galega de Atletismo seleccionou un total de 22 competidoras (11 homes e 11 mulleres) para defender os intereses nacionais sobre o sintético pontevedrés.

Entre esa relación, o máis destacado será a presenza da lanzadora de xavelina Lara Iglesias (Atletismo Barbanza), quen figura como unha das grandes favoritas para lograr o triunfo parcial desta proba grazas aos seus 50,51 metros, que a colocan á fronte do ránking estatal.

Nas probas de medio fondo e fondo, os encargados de defender o pavillón da Galiza serán os recentes campións galegos absolutos, Celia Castro (800 metros) e Iker Fernández (1.500 metros).

Nos 400 valos, Leo Rodriguez (Celta) deberá facer valer o seu bo rexistro para achegar ao combinado galego o maior número de puntos posíbeis na clasificación xeral, o mesmo que a marchadora ourensá Icía Ares e o lanzador de martelo Xaido Nimo (Celta). 

Comentarios