O presidente do Celta sobre Santi Mina: "Tivo un 'problema' pero non deixa de ser un xogador canteirán"

Segundo transcendeu, Mouriño estaría interesado en traer de novo para Vigo o dianteiro que desde agosto milita na liga de Arabia Saudita.
Santi Mina e Carlos Mouriño (Foto: RC Celta).
photo_camera Santi Mina e Carlos Mouriño (Foto: RC Celta).

O ex xogador do Celta de Vigo, Santi Mina, condenado por abusar sexualmente dunha muller no mes de xuño do ano 2017, mentres estaba de vacacións no municipio de Mojácar (Andalucía), volveu saltar á luz pública esta segunda feira.

A condena por abusos sexuais

O escrito de cualificación provisional do Ministerio Público recolle que o ex dianteiro celeste accedeu na madrugada do 16 de xuño de 2017 a unha caravana estacionada nas proximidades dunha discoteca, onde estaba cun amigo e a súa parella.

Segundo informaron fontes xudiciais, a Fiscalía sostén que entraría "completamente espido" e que, "con ánimo libidinoso para satisfacer o seu apetito sexual e a pesar da manifesta vontade contraria da vítima", dirixiuse a ela dicíndolle "mira, moza, ti gústasme moito e creo que deberiamos facer algo".

Cando a muller lle contestou que ía á caravana coa outra persoa, o escrito recolle que o procesado sairía "un minuto" para volver entrar e, após dicirlle á muller que "lle gustara moito", presuntamente perpetrou a agresión sexual. Acusacións estas que foron probadas polos forenses.

Durante o xuízo, a avogada do xogador, Fátima Rodríguez argumentaba que o que "se discute" no alto tribunal andaluz é "se as declaracións" da vítima "están contaminadas" polo "fin espurio de obter diñeiro" do actual dianteiro do Al-Shabab de Arabia Saudita, "independentemente de que os feitos denunciados sexan, ou non, certos".

Esta segunda feira, o dianteiro volveu saltar á luz pública durante unha rolda de prensa do presidente do Celta, Carlos Mouriño, en que se referiu aos abusos sexuais de Mina como “un problema”.

“Temos que ver que posibilidades que temos e o que quere facer o xogador. Nós non podemos asinar por el. Queremos facer unha cousa, pero temos que ter o seu beneplácito, haberá que negociar. Tivo un problema, pero non deixa de ser canteirán do Celta e non temos ningún problema fóra diso”. Segundo transcendeu, Mouriño estaría interesado en volver fichar o dianteiro que desde agosto milita na liga de Arabia Saudita


Opcións "ilusionantes" para substituír Carvalhal

Noutra orde de cousas, Carlos Mouriño tamén afirmou que está a traballar "intensamente" en varias "opcións ilusionantes" para substituír Carlos Carvalhal  como máximo responsábel da dirección técnica olívica. Con todo non quixo precipitarse "dando nomes", aínda que un dos que soaba con máis forza, Andoni Iraola, xa está completamente descartado, pois onte oficializou a súa chegada o Bournemouth inglés.

Comentarios