Rubiales morre matando: prohibe un partido da selección catalá

Vilda, a súa man dereita, ten as horas contadas
O Ministerio Público debe indagar sobre as accións de Rubiales. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Ministerio Público debe indagar sobre as accións de Rubiales. (Foto: Europa Press)

O affaire Rubiales continúa producindo titulares. O último é unha exclusiva do diario Ara. O xornal revelou que a cancelación dun partido entre as seleccións femininas de Catalunya e Venezuela que ía ter lugar nalgún momento do segundo trimestre de 2023 foi no marco do pulso que o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e a súa man dereita sobre o céspede, Jorge Vilda, mantiñan co grupo de xogadoras coñecida como 'As 15'.

Segundo Ara, como o seleccionador catalán, Xavi Llorens, tiña pensado convocar seis das mulleres contrarias a Rubiales e Vilda (Aitana Bonmatí, Andrea Pereira, Laia Aleixandri, Leila Ouahabi, Ona Batlle e Claudia Pina), estes manobraron a través do vicepresidente da RFEF, Joan Soteras, para negar o permiso FIFA necesario para a disputa do partido e así lograr a cancelación do Catalunya-Venezuela.

Aumenta a presión sobre o presidente e os seus afíns

Despois de que na noite da segunda á terza os mesmos presidentes das federacións territoriais que o aplaudiran na Asemblea Extraordinaria da RFEF días antes esixisen a súa dimisión, a presión aumenta sobre Luis Rubiales, que, non obstante, recibiu un inesperado apoio desde o Tribunal de Arbitraxe Deportivo (TAD), que freou os plans do Goberno estatal de suspendelo solicitándolle máis documentación.

A RFEF tamén lle esixe que entregue o teléfono e o ordenador que recibiu cando accedeu ao cargo, ademais de deixalo sen a parte proporcional do salario e as dietas que lle correspondería recibir durante os 90 días que se estenda a suspensión decretada pola FIFA.

Por outra parte, todo apunta a que un dos seus homes máis fieis, o seleccionador Jorge Vilda, podería ser destituído do seu cargo nas próximas horas

Comentarios