O proxecto de Florentino Pérez segue adiante: Declaradas "ilegais" as accións da FIFA e da UEFA para bloquear a Superliga

"As regras da FIFA e a UEFA que someten á súa aprobación previa calquera novo proxecto de fútbol entre clubs, como a Superliga, e prohiben aos clubs e xogadores xogar nesas competicións son ilegais", reza o texto da sentenza.
Aleksander Ceferin, presidente da UEFA e o empresario e presidente do Real Madrid Florentino Pérez (Foto: DPA / Contactophoto).
photo_camera Aleksander Ceferin, presidente da UEFA e o empresario e presidente do Real Madrid Florentino Pérez (Foto: DPA / Contactophoto).

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) declarou que as accións da Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA) e a Unión de Federacións Europeas de Fútbol (UEFA) para bloquear a creación da coñecida como ‘Superliga’ son contrarias ao dereito da UE, segundo un comunicado compartido esta quinta feira na conta oficial da corte en X.

"As regras da FIFA e a UEFA que someten á súa aprobación previa calquera novo proxecto de fútbol entre clubs, como a Superliga, e prohiben aos clubs e xogadores xogar nesas competicións, son ilegais", reza o texto.

O TXUE argumenta que non existe un marco legal para que as normas do ente reitor do fútbol mundial e a súa confederación europea garantan que son "transparentes, obxectivas, non discriminatorias e proporcionais".

Do mesmo modo, sinala que as normas que outorgan á FIFA e á UEFA o control exclusivo sobre a explotación comercial dos dereitos relacionados cos seus torneos poden restrinxir a competencia, dada a súa importancia para os medios de comunicación, os consumidores e os telespectadores da Unión Europea.

A Xustiza europea considera que tanto a FIFA como a UEFA abusan da súa posición dominante e, tendo en conta a súa natureza arbitraria, as súas normas de aprobación, control e sancións deben considerarse restricións inxustificadas á libre prestación de servizos.

A Superliga

O da Superliga foi un proxecto impulsado por un número importante de clubs europeos de primeiro nivel (entre eles o Real Madrid de Florentino Pérez) que pretendían crean unha nova competición futbolística europea.

Trataríase dunha competición internacional que, de certo modo, acabaría co fútbol profesional tal e como é coñecido hoxe. Entre as propostas estaba a de acabar cos ascensos e descensos para os equipos que formasen parte da Superliga. Algo que tamén acabaría con competicións europeas históricas como a Champions League.

Comentarios