Xustiza

A Xustiza non fecha o 'Caso Jimmy' e apunta aos ultras do Atlético

A Audiencia Provincial de Madrid ordena retomar a instrución.
Pintada en lembranza de 'Jimmy' nos exteriores do estadio de Riazor. (Foto: Nemigo)
photo_camera Pintada en lembranza de 'Jimmy' nos exteriores do estadio de Riazor. (Foto: Nemigo)

Francisco Javier Romero Taboada, 'Jimmy', foi asasinado o 30 de novembro na capital do Estado, onde se atopaba para seguir o partido que o seu equipo, o Real Club Deportivo da Coruña, disputaba fronte o Atlético de Madrid.

Desde entón, hai case unha década, o Xulgado de Instrución Número 20 de Madrid, a través de numerosos maxistrados, é o responsábel dun proceso que aínda non determinou quen é ou son os responsábeis da malleira que acabou coa vida do afeccionado branquiazul, un caso que chegou a dar por fechado.

Agora, a Audiencia Provincial de Madrid ordena que se retome ante os "evidentes indicios" para volver imputar anteriores investigados, todos eles membros do grupo Frente Atlético.

Non obstante, a mesma Audiencia Provincial que se opón ao feche do caso non ordena ningunha nova dilixencia, xa que estas "fican condicionadas ao procedimento que se siga", lembrando que, "en todo caso, xa hai bastantes indicios para procesar os investigados que indican as acusacións".

Esta está exercida pola familia da vítima, outro seareiro do Dépor ferido na pelexa previa á morte de Jimmy e a Liga de Fútbol Profesional (LFP).

Comentarios