O euro alcanza os seus primeiros 25 anos inmerso nunha nova crise

O 1 de xaneiro de 1999 o euro pasou a ser a moeda de varios dos Estados da Unión Europea (UE). Mentres as autoridades comunitarias conmemoran o seu 25 aniversario, o rexeitamento á moeda única gaña forza en todo o continente.

Troikapresident_of_the
photo_camera Charles Michel, Ursula von der Leyen e Christine Lagarde. (Foto:Europa Press).

As principais autoridades comunitarias aproveitaron o 25 aniversario da entrada en vigor do euro para facer unha defensa desta moeda de 18 Estados da Unión Europea (UE). Nun escrito publicado o pasado 30 decembro nun bo número de xornais da UE e asinado polo presidente do Consello Europeo Charles Michel, pola presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, pola presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, polo presidente do Eurogrupo, Paschal Donohoe, e pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, destácanse as vantaxes do euro e os seus beneficios para a cidadanía.

Os asinantes do artigo sinalan que “o euro é actualmente un elemento indispensábel da nosa vida cotiá e proporciónanos simplicidade, estabilidade e soberanía”. Ao tempo, aseguran que “fixo máis sinxela a vida dos europeos, que poden comparar prezos facilmente, facer negocios e viaxar” e “protexeu o crecemento e o emprego durante as crises”.

Asemade, aseveran que “o euro sempre atopou as respostas axeitadas”, significando que “durante a crise financeira mundial e a crise de débeda soberana, estabelecemos salvagardas, como o sistema único de supervisión e resolución bancaria ou o Mecanismo Europeo de Estabilidade”.

A visión dos principais responsábeis comunitarias non é partillada pola maior parte dos economistas críticos. A este respecto, o economista grego Costas Lapavitsas entende que “esta construción baseábase nunha hipótese que algúns economistas recusaron entón e que moitos descubriron máis tarde. Esta hipótese era que as disciplinas orzamentarias e salariais, combinadas coa liberalización dos movementos de capitais, bastarían para asegurar a converxencia das economías que formaban parte da zona euro”.

Neste punto, explica que “no período 1999/2008 os produtos españois encareceron en 17% fronte a Alemaña e os gregos e italianos en 18%, o que implica unha perda de competitividade da periferia”, provocando que “mentres uns Estados, os centrais, aumentaban o seu superávit, outros, os da periferia, incrementan o déficit”.

A tese de Stiglitz

O Nobel de Economía estadounidense Joseph Stiglitz non dubida en responsabilizar o euro da especial virulencia da Gran Recesión no seu ámbito de influencia. Neste sentido argumenta que “a  causa da particular crise da eurozona, non do ámbito da UE, está ligada coa xenética do proxecto europeo e de xeito moi particular co mercado común de capitais, a moeda única e as relacións xerárquicas entre o seu centro e a súa periferia”. Así, destaca que “a incapacidade do BCE para controlar a inflación non só provocou unha caída do poder adquisitivo das clases traballadoras senón que provocou diverxencias na competitividade entre Estados a favor do centro”.

A práctica totalidade das escolas económicas coinciden en destacar que “a imposibilidade de desvalorizar a moeda limita de facto a capacidade de resposta dun Estado fronte á crise”. Esta idea, mesmo recollido no Programa Nacional de Reformas para 2013 do Goberno español de Mariano Raxoi (PP), evidencia como o sistema euro deixou desvalido aos Estados para facer fronte ás crises de débeda.

Comentarios