O Goberno do Estado eliminará o IVE do aceite de oliva a partir do 1 de xullo

A eliminación do IVE é una concesión do PSOE a Junts para conseguir o seu apoio nos decretos 'anticrise'. O prezo triplicouse desde 2021.

A ministra española de Facenda, María Jesús Montero, esta terza feira.
photo_camera A ministra española de Facenda, María Jesús Montero. (Foto: Europa Press)

O Goberno do Estado eliminará o IVE do aceite de oliva a partir do 1 de xullo. Segundo adiantou a Cadena SER, a ministra de Facenda e vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, levará a medida ao Consello de Ministros a terza feira para a súa aprobación.

Acordo con Junts

O PSOE pactou con Junts a eliminación do IVE neste produto o pasado mes de xaneiro para conseguir o seu apoio nos decretos 'anticrise'. Ademais, o aceite de oliva pasará a catalogarse como de primeira necesidade, de modo que, cando se lle volva a aplicar este imposto, sería do tipo superreducido (4%) en lugar do reducido (10%) que tiña até o de agora.

Os produtos de primeira necesidade, como o pan, os ovos, a froita e a verdura, teñen unha rebaixa vixente até o 30 de xuño, aínda que Pedro Sánchez anunciou que a prorrogarían. A inclusión do aceite de oliva nesta lista pretende protexer e fomentar o seu consumo, xa que é un produto saudábel e de gran importancia para a economía andaluza.

O prezo do aceite de oliva encareceuse ata o triplo nos tres últimos anos debido á seca. A produción que se atopa actualmente no mercado é da campaña 2022-2023, pero esta foi un 55% inferior que a tempada anterior. Con todo, a campaña actual parece recuperar a produción de oliva grazas ás choivas.

Prezo triplicado en tres anos

Nesta primeira metade do ano, o aceite de oliva subiu de prezo un 13% e as garrafas agora levan alarma antiroubo. O Goberno de coalición formalizou a rebaixa do IVE neste aceite e no de sementes o pasado mes de marzo, despois de que os socialistas chegasen a un acordo con Junts en xaneiro.

De feito, de acordo cos datos do INE sobre a evolución do IPC, o aceite de oliva era en maio deste ano 62,8% máis caro que no mesmo mes de 2023, e acumula unha repunta de até 198,5% desde xaneiro de 2021, o que significa que o seu custo chegou case a triplicarse nos últimos tres anos.

Comentarios