O leite galego é o único que se paga a menos de 50 céntimos por cada litro

A Galiza contabilizou 33 explotacións leiteiras menos no mes de febreiro.
Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O prezo do leite que se paga aos produtores e ás produtoras galegas baixou a 49 céntimos por litro no mes de febreiro, medio céntimo menos que os 49,5 de xaneiro, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

Desta maneira, a fenda da Galiza co prezo medio de pagamento no conxunto do Estado español, que foi de 51,5 céntimos, creceu a 2,5 céntimos (era de 2,2 céntimos o mes anterior).

Así, a Galiza segue á cola dos prezos entre as autonomías e sitúase como a única do Estado español -a nivel peninsular- que non alcanza os 50 céntimos por cada litro de leite de vaca.

Caída da produción

Mentres, o descenso de explotacións lácteas que realizan entregas continúa en retroceso na Galiza. No mes de febreiro contabilizáronse 5.586, 33 menos das rexistradas en xaneiro. Por outra parte, a produción no segundo mes do ano 2024 foi de 245.426 toneladas, unhas 10.000 menos que no anterior.

Queixas das gandarías

A situación de caída nas contías que perciben as explotacións galegas por cada litro de leite non ten visos de mellorar a curto prazo, pois os sindicatos e as gandarías consultadas a comezos de mes por Nós Diario verificaron unha baixada xeneralizada dos prezos que vai dos dous aos cinco céntimos segundo as empresas que o recollen.

Do total de volume de contratos na Galiza (4.668) a baixada de abril afecta, en maior medida, aos contratos asinados por un período de tres a seis meses (3.464) e aos que contan con períodos inferiores aos tres meses (585). Nestas cifras non estrarían os acordos cooperativos, que teñen na súa maior parte contratos superiores ao ano.

Comentarios