Mariscadoras da ría do Burgo exixen axudas mentres non poidan faenar: "Hai quen non pode afrontar pagos"

"Teñen que dar unha solución e non hai interese en dala", lamenta Manuel Baldomir.
Mariscadoras na ría do Burgo. (Foto: Pilar Silva).
photo_camera Mariscadoras na ría do Burgo. (Foto: Pilar Silva).

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo secundaron esta sexta feira unha nova concentración en Oleiros (comarca da Coruña), con corte de tráfico na zona da Pasaxe, para demandar a Xunta da Galiza e Goberno estatal o pagamento de axudas que compensen as súas perdas económicas.

En declaracións á axencia Europa Press, o seu portavoz, Manuel Baldomir, asegurou que hai quen "non pode afrontar pagos" como os da Seguridade Social, o que impediría, ao ter débedas, que logo puidesen ser beneficiarios de axudas. "No canto de avances nas negociacións, parece que hai unha volta atrás", dixo.

Baldomir lamentou que na última reunión na Consellaría do Mar non comparecese "ningún representante" da Xunta. E no caso do Goberno español apuntou que eran representantes "sen capacidade de decisión". "Só nos dixeron que recollían as nosas peticións e que as trasladaban aos seus superiores".

"Ás negociacións teñen que acudir por ética política", aseverou, para cualificar o sucedido ao redor das súas demandas de "pouca seriedade política e pouca vontade". Por iso, dixo que seguirán protestando na rúa para "ver se dunha vez por todas as administracións abren os ollos".

Ademais, recalcou que até que a cría creza e poidan faenar deben pasar "entre 18 e 24 meses". "Recoñéceno eles mesmos, teñen que dar unha solución e non hai interese en dala", lamentou.

Comentarios