O PIB per cápita galego distánciase 21 puntos do da UE

Por cada 100 euros que de media ten de riqueza per cápita un habitante da Unión Europea (UE), un galego ou galega ten 79. Son 21 euros menos, distancia que se alarga a respecto de 2019, cando por cada 100 euros do produto interior burto (PIB) por cabeza que tiña un residente na UE unha persoa na Galiza tiña 82.
grafico-web
photo_camera A renda per cápita non logra achegarse á media da UE, mesmo se distancia (Gráfico: Nós Diario)

Eurostat, a oficina estatística da UE, vén de publicar o PIB rexional per cápita expresado en termos de estándares de poder adquisitivo de cada un dos 248 territorios que compoñen a UE. A estatística permite comprobar as fendas en riqueza e ingresos existentes entre as rexións da Unión Europea, exemplificadas polos  máis extremos: Mayotte, unha rexión de ultramar de Francia; e o sur de Irlanda. Na primeira, o PIB por cabeza dos seus habitantes non chega a 30% da media da UE. Na segunda é 286%, case o triplo.

Sen ter que ir aos extremos, a estatística de Eurostat permite comprobar como é a evolución nestes anos das diferentes rexións europeas en canto á renda per cápita dos seus habitantes. Así, a riqueza per cápita (RPC) na Galiza en 2022 —último dato rexistrado, 27.900 euros— é 79% da media da Unión Europea, 21 puntos de diferenza. En 2011, segundo os cálculos de Eurostat, a Galiza estaba máis perto de converxer coa media da UE, pois a RPC era 82% da da UE. En 2017 chegou a ser de 83% e en 2019 —ano previo á pandemia— de 82%.

Esta fenda dáse tamén a respecto da media de riqueza per cápita española, como tamén constata a Oficina Estatística Europea. Por cada 100 euros de RPC dun habitante da UE, un español ten 86 e un galego 79. Así pois, se a fenda é de 21 puntos coa UE, co Estado español é de 17 puntos.

De feito, a Galiza figura na posición 10 entre os territorios do Estado en canto a PIB por cabeza. A nivel europeo, a Galiza figura no posto 160 entre os 248 territorios. Só 88 teñen peores rexistros ca nós.

Evolución

Os rexistros da Galiza son mellores que os de territorios veciños como o norte de Portugal ou Asturias, mais ambos os dous territorios recortan distancias. Se en 2020 a diferenza entre a riqueza media por cabeza dun galego e un asturiano era de 800 euros a favor do segundo; agora é só de 300. A diferenza entre o norte de Portugal e a Galiza era de 6.000 euros por persoa antes da pandemia, 2019, mais agora é de 5.300.

A Galiza figura lonxe da renda de territorios como Madrid, Euskadi ou Nafarroa, que superan a media da UE, mais tamén está por baixo doutros como Castela e León.

Outra recente publicación de Eurostat advertía de que a Galiza coxeaba en I+D+i, un dos alicerces para o desenvolvemento e competitividade.  O investimento en investigación e desenvolvemento (I+D) sobre o Produto Interior Bruto (PIB) situouse na Galiza en 2022, último ano con datos do Eurostat, en 1,1%. Nesa mesma anualidade, o gasto neste ámbito alcanzou no Estado español 1,41% do PIB e marcou de media para o conxunto dos países da UE  2,27% do PIB. A Galiza incrementou o seu gasto en I+D desde 2007 en 11 décimas; o gasto estatal nesta materia medrou seis décimas máis que o galego e o investimento medio da UE 47 décimas máis.

Comentarios