Só 10,9% da poboación vulnerábel conta con Ingreso Mínimo Vital

Membros de servizos sociais piden máis cobertura.
Banco de Alimentos de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Banco de Alimentos de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Ingreso Mínimo Vital (IMV) chegou en abril de 2024 a un total de 72.495 persoas na Galiza, o que supón 10,9% da poboación vulnerábel do país. Son os datos que fixo públicos esta segunda feira a asociación de directores e xerentes en servizos sociais que, ademais, alertan que catro anos despois da implantación desta medida, no conxunto do Estado español a prestación "só chega a 12,2% da poboación que vive baixo o limiar da pobreza”.

Ante esta situación, a entidade reprochou ao Goberno español que non estabelecese "ningunha coordinación" cos servizos sociais municipais para incrementar a súa cobertura. Da mesma maneira, tamén denuncian as diferenzas territoriais existentes entre comunidades que van desde 24,5% de cobertura de poboación baixo o limiar da pobreza en Euskadi a 5,9% nas Illes Balears.

Obxectivo sen cumprir

Membros deste colectivo acusaron ao executivo de "non cumprir co obxectivo que se expuxo de que nuns meses chegaría o IMV ás 850.000 familias que malviven na pobreza extrema no Estado español. Mentres tanto, a persistencia das "colas da fame" deberían, segundo a asociación, "avergoñar aos gobernantes" aos que acusa de "impericia do Goberno na xestión da vacina contra a pobreza, como cualificaron o IMV".

Segundo datos recompilados pola entidade en abril 589.948 familias do conxunto do Estado foron beneficiarias do IMV, cun total de 1.771.480 persoas. O colectivo lembrou, ademais, que o IMV engloba tanto a renda básica de subsistencia, para familias con ingresos por baixo da renda garantida, como o complemento de axuda para a infancia que permite completar as rendas inferiores a tres veces a renda garantida.

As familias que teñen a renda básica de subsistencia por ter ingresos inferiores ao que se considera "renda garantida" son "só", segundo a entidade, 392.902 fogares (1.006.763 persoas), 2,1% da poboación estatal. Así mesmo, lembrou que a previsión inicial, cando o IMV comezou no ano 2020, era chegar a 850.000 que se atopan en situación de pobreza severa (17% da poboación estatal, 2,3 millóns de persoas).

"A realidade é que só se alcanzou 46,2% de cobertura da pobreza severa", explicou este colectivo. Neste sentido, engadiron que, se se toma como referencia o risco de pobreza, actualmente hai no Estado español 8.260.000 nesa situación, ao estar por baixo de 60% da mediana de ingresos. En consecuencia, o IMV "só" chega a 12,2% das persoas en risco de pobreza.

Comentarios