Os atentados do 11-M, 20 anos despois: tres condenados seguen en prisión

Dez explosións case simultáneas deixaron case 200 vítimas mortais o 11 de marzo de 2004 nas inmediacións da estación de Atocha de Madrid.
Monumento ás vítimas do 11-M en Atocha. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Monumento ás vítimas do 11-M en Atocha. (Foto: Nós Diario)

Van xa 20 anos do atentado terrorista con máis vítimas mortais en territorio europeo, o do 11 de marzo de 2004 en Madrid. Aquel día, pouco despois da alborada, ao fío das 7.37 horas, dez explosións case simultáneas en catro trens da rede de proximidades da capital española deixaron 191 falecidos —cifra á que posteriormente se engadirían dúas persoas máis— e varios centos de feridos de diversa consideración.

Ervigio Corral era naquela altura o xefe do Samur, o servizo de emerxencias sanitarias madrileño. Esa mañá estaba aparcando o coche no traballo cando recibiu unha alerta dos xefes de garda no que o avisaban das explosións en Atocha. "Inmediatamente un condutor e mais eu dirixímonos cara alí e, cando estabamos á altura do Paseo das Delicias, recibo a noticia dunha bomba en Santa Eugenia", rememora, citado pola axencia Europa Press.

"Practicamente nos cuadriplicamos á hora, polo que puidemos dar unha resposta máis ou menos proporcionada, malia que nunca podía ser perfecta porque o que nos atopamos foi unha barbaridade, en ningún lugar do mundo deuse unha situación de ter que atender 350 pacientes críticos separados na distancia", di. Foi "moi, moi complicado", pero o certo é que en tan só 2 horas 50 minutos o último paciente ingresaba no hospital.

Pouco antes das 8 horas da mañá daquela quinta feira, a só tres días dunhas decisivas eleccións estatais, chegan as primeiras informacións dos medios de comunicación. Inicialmente fálase de dúas explosións consecutivas en Atocha, sen que se coñeza aínda a magnitude do sucedido. Poucos minutos despois a traxedia comeza a cuantificarse en cifras, con decenas de mortos, feridos e desaparecidos.

O primeiro balance do Ministerio do Interior, contra as 10h, fala de 62 vítimas mortais. E o daquela ministro, Ángel Acebes, non dubidou en apuntar a ETA como responsábel, algo que desde a esquerda abertzale non se contemplaba "nin como mera hipótese", en palabras do ex deputado Arnaldo Otegi, de Batasuna. "Nin polos obxectivos, nin polo modus operandi, o masacre pode ser responsabilidade de ETA", dixera.

Mais Acebes insistiu en que o Goberno de José María Aznar tiña "toda a certeza" de que fora un "atentado de ETA", algo que os medios de comunicación españois replicaron de inmediato nas primeiras horas após as explosións. Unha teoría, porén, que o tempo acabou dando por errónea e que propiciou, en boa medida, a derrota do PP nas urnas o domingo 14 de marzo en favor do socialista José Luis Rodríguez Zapatero.

A día de hoxe tres dos condenados polos atentados seguen en prisión: Kamal Zougam, Otman el Gnaoui e José Emilio Suárez Trashorras, os que obtiveron as maiores penas das 18 persoas condenadas no macroxuízo do 11-M, e que deberán cumprir 40 anos de prisión antes de poder abandonar a cadea. A condena de Zougam foi a máis alta que permite a lei: 42.922 de cárcere, por colocar un dos artefactos explosivos, así como pola súa relación coas tarxetas de teléfono usadas.

Pola súa parte, El Gnaoui foi condenado como responsábel en concepto de autor dun delito de pertenza a banda armada á mesma pena que Zougam. E o terceiro deles, o ex mineiro asturiano Suárez Trashorras, condenado a 34.715 anos de prisión por facilitar os explosivos de Mina Conchita. Segundo o xornal El Comercio, a pasada semana solicitou acollerse á Lei de eutanasia como protesta pola "falta de tratamento médico e psicolóxico" que recibe no cárcere.

En total, dos 21 condenados pola Audiencia Nacional, o Tribunal Supremo ratificou en 2008 as penas de prisión para 17 deles, absolvendo catro e condenando un que quedara libre, Antonio Toro, tamén asturiano, por tráfico de explosivos —catro anos de cadea—.

Membros do Goberno español e da oposición lembraron esta segunda feira as vítimas do atentado xihadista de Madrid. A primeira autoridade do Executivo en pronunciarse foi a ministra de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Teresa Ribera, que quixo transmitir nunha mensaxe na rede social X o seu "afecto e solidariedade" para todas as vítimas daquel "terrible" 11 de marzo de 2004.

Seguiuna o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que se referiu ao aniversario mandando un recordo para as vítimas, para todos os feridos e as súas familias. "Temos que traballar polo que eles queren, pola xustiza, pola verdade, pola súa dignidade, que é a nosa dignidade tamén e pola memoria", subliñou.

Comentarios