Hamás deixará as armas ao crearse un Estado palestino independente e ofrece unha tregua de cinco anos con Israel

Case 400 corpos atopados en foxas comúns.
Busca de superviventes en Gaza nunha area atacada por Israel. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)
photo_camera Busca de superviventes en Gaza nunha area atacada por Israel. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)

Khalil al Hayya, un alto cargo de Hamás, detallou a quinta feira nunha entrevista coa axencia AP que a formación busca unirse á Organización para a Liberación de Palestina (OLP) e conformar un Goberno unificado en todo o país, así como que aceptaría “un Estado palestino plenamente soberano en Cisxordania e Gaza e o regreso dos refuxiados palestinos de acordo coas resolucións internacionais” nas fronteiras previas a 1967.

Neste caso, incidiu en que en “todas as experiencias de pobos que loitaron contra a súa ocupación, cando se independizaron e conseguiron os seus dereitos” estas formacións se “converteron en partidos políticos e as súas forzas de combate de defensa se converteron no Exército nacional”.

Á vez, trasladou a disposición do grupo a pactar un alto o fogo de como mínimo cinco anos co réxime de apartheid sionista para avanzar nesta vía.

As declaracións producíronse cando o Goberno de ultradereita israelí obstaculiza as conversas de paz para unha tregua na Faixa, onde asasinou máis de 34.000 persoas desde outubro.

O seu Exército reiterou que está a agardar a orde para asaltar Rafah, no sur de Gaza, que concentra a meirande parte dos 2,3 millóns de persoas do enclave logo de fuxir dos seus fogares.

Foxas comúns

Ademais, a Defensa Civil de Gaza comunicou que atoparon 392 corpos en tres foxas comúns próximas a centros hospitalarios asaltados polas tropas sionistas.

Até 20 persoas falecidas tiñan indicios de ter sido enterradas vivas e outras foron executadas. Entre os cadáveres había crianzas e pacientes hospitalizados, algúns deles aínda cos tubos usados en quirófanos ou salas de recuperación.

Comentarios