A OTAN busca abrir unha oficina no Xapón, segundo un medio asiático

As partes aínda están a negociar quen financiará a oficina de ligazón unipersoal, se a OTAN ou o Goberno xaponés.
Jens Stoltenberg e Fumio Kishida durante unha rolda de prensa en xaneiro (foto: ZUMA Press Wire / dpa).
photo_camera Jens Stoltenberg e Fumio Kishida durante unha rolda de prensa en xaneiro (foto: ZUMA Press Wire / dpa).

A OTAN quere abrir unha oficina de comunicacións en Xapón o próximo ano para aumentar a cooperación cos seus aliados na rexión Asia-Pacífico a través das consultas periódicas con "socios craves" rexionais tales como Australia, Nova Zelandia e Corea do Sur, segundo informou Nikkei Asia.

A idea de abrir unha oficina foi discutida por primeira vez durante a visita do secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, a Tokio en xaneiro, na súa reunión co primeiro ministro xaponés, Fumio Kishida.

Segundo o medio, os plans de abrir a oficina foron confirmados tanto por funcionarios xaponeses como da OTAN.

As partes aínda están a negociar quen financiará a oficina de ligazón unipersoal, se a OTAN ou o Goberno xaponés. Se Xapón financiar a apertura dunha oficina da OTAN en Tokio, simbolizará “unha nova fase na cooperación militar do país”.

Segundo Nikkei Asia, a Alianza Atlántica ten estacións con funcións similares nas instalacións da ONU en Nova York, na sede da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa de Viena, así como en Xeorxia, Moldavia, Ucraína, Bosnia-Herzegovina e Kuwait.

Coordinar posicións

Ademais, o país asiático, informa Nikkei Asia, aspira a mellorar a súa cooperación coa alianza militar na esfera da ciberseguridade, así como coordinar posicións sobre novas tecnoloxías e intercambiar información sobre a loita contra a desinformación.

Iso será posíbel a través da subscrición do Programa de Asociación Individualizado (ITPP, polas súas siglas en inglés), que as partes planean asinar antes da cimeira da OTAN que decorrerá en Lituania a mediados de xullo.

Comentarios