Xustiza

A prisión un dos detidos polo intento de "asasinato terrorista" de Vidal-Quadras

O maxistrado da Audiencia Nacional acordou deixar en liberdade con medidas cautelares outro detido e mais a súa parella.
Entrada á Audiencia Nacional. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
photo_camera Entrada á Audiencia Nacional. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge acordou prisión incondicional para un detido polo presunto intento de "asasinato terrorista" do ex político de ultradereita Alejo Vidal-Quadras, que sufriu un disparo na cara en plena rúa de Madrid, segundo confirman fontes xurídicas citadas hoxe pola axencia Europa Press. Ademais, o maxistrado acordou deixar en liberdade con medidas cautelares outro detido e mais a súa parella.

As mesmas fontes explican que este último e a súa muller foron postos en liberdade coa obrigación de comparecer no xulgado máis próximo os días 1 e 15 de cada mes. Ademais, o xuíz acordou a retirada do seu pasaporte e a prohibición de saída do territorio estatal. A Policía Nacional detivo a todos eles a principios de semana en Málaga e Granada pola súa presunta implicación no disparo ao que fora fundador de Vox o pasado 9 de novembro.

Fontes policiais confirmaron que á primeira hora desta terza feira produciuse a detención en Málaga dunha persoa, un home, e pouco despois informaron de dous detidos máis en Granada, un home e unha muller que son parella. As detencións realizáronas axentes da Comisaría Xeral de Información.

Os dous homes arrestados son de nacionalidade española e a muller, británica, e constan antecedentes policiais deles. Os dous homes foron detidos pola súa presunta relación co tiro que feriu de gravidade na mandíbula o ex político, aínda que se investiga aínda se participaron como autores do disparo ou se asumiron outro rol no intento de homicidio.

Fontes da investigación apuntan a esta segunda opción e desde fontes xurídicas engaden que un deles, o de Granada, é converso ao islam na súa rama xiíta. A muller detida, segundo engadían estas fontes, é parella do home arrestado en Granada e tamén está por determinar se garda relación co disparo a Vidal-Quadras.

O ex político recibiu esta quinta feira a alta hospitalaria dúas semanas despois de ser operado do disparo que lle causou feridas na mandíbula, segundo informou o Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón. O pasado 21 de novembro o hospital xa asegurara que Vidal-Quadras evolucionaba favorabelmente tras a dobre fractura mandibular provocada polo disparo que recibiu na rúa Núñez de Balboa de Madrid.

A Audiencia Nacional fíxose cargo da investigación dado que podería tratarse dun atentado terrorista. O propio Vidal-Quadras, unha vez estabilizado no hospital, indicou que o ataque podería estar vinculado coas súas relacións coa oposición iraniana e as fontes consultadas por Europa Press confirmaron que se traballaba con esa hipótese.

Comentarios