Tras a aprobación do lexislativo, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, promulgou a cuarta feira un proxecto de case 90.000 millóns de euros que inclúe o envío de armas a Ucraína, Israel e Taiwán. No que atinxe ao país eslavo, recibirá máis de 55.000 millóns de euros en total, incluídos 8.400 millóns en “préstamos condonábeis” para evitar o colapso da súa economía.
Ao respecto de Israel, o paquete de 24.000 millóns de euros tamén está composto fundamentalmente de armas, culminando o aumento dos envíos que comezou en paralelo á agresión israelí ao territorio palestino de Gaza.
Pola súa parte, Taiwán, considerado pola China como parte do seu territorio, recibirá a maioría dos 7.500 millóns de euros dun paquete para entregar armas a outros aliados na rexión e reforzar a súa infraestrutura submarina.
En paralelo, foi aprobada unha lei con varias disposicións, unhas das que obriga ByteDance, a empresa chinesa propietaria da rede social TikTok, a vendela a unha compañía occidental en medio ano ou será prohibida.