Biden dá luz verde a Israel para que invada Rafah e prosiga co xenocidio en Gaza se limita o ataque a Irán

Nova foxa común atopada fronte ao hospital al Shifa.
Cascallos no centro de Gaza. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)
photo_camera Cascallos no centro de Gaza. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)

Logo de reiterar que a invasión israelí de Rafah, a urbe do sur de Gaza á que se desprazou máis da metade da poboación do enclave palestino para fuxir da agresión militar sionista, era inaceptábel polas consecuencias humanitarias, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, tería aprobado os plans de Israel “a cambio de que se absteña de levar a cabo unha ampla operación militar contra Irán”, publicou a quinta feira o diario The New Arab.

En paralelo, repórtase que o Exército do réxime de apartheid está a preparar o ataque contra a cidade, insistindo en que alí se atopan os principais líderes da organización palestina Hamás, que goberna Gaza, e as persoas israelís detidas na operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

Con todo, estes mesmos argumentos foron usados para xustificar a invasión de Khan Younis, que a pesar de demostrarse falsos non evitaron a “destrución total” do lugar denunciada pola Organización das Nacións Unidas (ONU), cuxas persoas expertas consideran a agresión militar israelí como un xenocidio e unha limpeza étnica.

En todo caso, e despois de avalar e dar cobertura diplomática ás accións israelís, os Estados Unidos e a Unión Europea confirmaron que imporán sancións contra a industria armamentística de Irán.

Ademais, após reiterar Israel que atacará Irán a raíz das represalias iranianas ao bombardeo israelí do seu consulado en Damasco, Siria, medios sionistas especularon coa posibilidade de que as instalacións nucleares persas sexan o seu obxectivo. Ao respecto, a Garda Revolucionaria de Irán sinalou que ten identificadas todas as instalacións nucleares israelís, que nese caso se converterían nun obxectivo militar.

Xa na Faixa, onde Israel asasinou 33.970 persoas desde outubro, máis de 40% crianzas, foi descuberta fronte ao hospital al Shifa, asaltado e arrasado polas tropas israelís, unha nova foxa común, na que se comprobou que persoas executadas cando estaban esposadas e espidas foron soterradas baixo lixo e area.

Asemade, no ataque israelí ao campo de refuxiados de Nuseirat os soldados usaron gravacións de bebés e mulleres chorando para atraer persoas palestinas antes de dispararlles, informou o portal Middle East Eye.

Nos Estados Unidos, Alphabet, empresa que posúe Google, despediu 28 traballadoras e traballadores por protestar contra un contrato co Goberno de ultradereita israelí para proporcionar servizos na nube e intelixencia artificial, unha tecnoloxía usada polos militares sionistas nos seus bombardeos indiscriminados contra a poboación civil.

Comentarios