Elon Musk compra Twitter: que pasará agora?

Entidades como Amnistía Internacional ou HRW recean de Musk e advirten que a liberdade de expresión non pode amparar os discursos violentos e de odio e que cómpre "protexer os usuarios vulnerábeis".
Musk compra Twitter por máis de 40.000 millóns de euros. (Foto: Patrick Pleul / DPA / Zentralbild)
photo_camera Musk compra Twitter por máis de 40.000 millóns de euros. (Foto: Patrick Pleul / DPA / Zentralbild)

O Consello de administración de Twitter decidiu finalmente aceptar a oferta inicial de compra da compañía presentada polo empresario estadounidense Elon Musk por un total de 43.394 millóns de dólares (40.495 millóns de euros), segundo vén de informar a compañía nun comunicado.

"O Consello de Twitter levou a cabo un proceso amplo e pormenorizado para valorar a proposta de Elon [Musk] cun foco deliberado no valor, a certeza e o financiamento. A transacción proposta logrará unha prima en efecto substancial e cremos que é o mellor camiño para os accionistas de Twitter", subliñou o presidente do Consello, Bret Taylor.

A operación fora adiantada na segunda feira por varios medios estadounidenses, que indicaban que o anuncio final se publicaría ao longo do día. A transacción está suxeita a que os accionistas de Twitter dean o seu visto e prace nunha votación que decorrerá na Xunta de accionistas. O Consello espera que a operación culmine en 2022.

"A liberdade de expresión é a base dunha democracia funcional e Twitter é a praza do pobo dixital onde os asuntos importantes para o futuro da humanidade son debatidos", indicou Musk.

O empresario, propietario de Tesla e SpaceX, subliñou o seu propósito de facer que a rede social sexa "mellor que nunca", "optimizando" o produto, facendo que os algoritmos sexan de código aberto, acabando cos bots de spam e verificando todos os usuarios humanos.

Preocupación ante os discursos violentos

Porén, diversas ONG manifestaron a súa preocupación ante o anuncio de Musk de "non castigar" os discursos violentos e de odio. "A liberdade de expresión non é un dereito absoluto, polo que Twitter precisa investir esforzos para manter os seus usuarios máis vulnerábeis seguros na plataforma", dixo Deborah Brown, de Human Rights Watch (HRW).

Na mesma liña apuntou Michael Kleinman, responsábel de dereitos humanos de Amnistía Internacional: "O último que precisamos é un Twitter que fai a vista gorda no tocante á violencia e os discursos de odio".

Comentarios