Trece falecidos e varias persoas desaparecidas nun incendio nunha discoteca de Murcia

As autoridades advirten de que a cifra podería seguir medrando ao longo da xornada. O Concello decreta tres días de loito oficial.
Os bombeiros buscan varias persoas desaparecidas (Foto: Concello de Murcia).
photo_camera Os bombeiros buscan varias persoas desaparecidas. (Foto: Concello de Murcia)

O Centro de Coordinación de Emerxencias murciano vén de confirmar o falecemento dun mínimo de trece persoas no incendio declarado a primeira hora da mañá deste domingo nunha discoteca da zona de lecer Atalayas, en Murcia. As autoridades, porén, advirten de que nas próximas horas poderían aparecer máis cadáveres no interior do local. Sete deles xa foron retirados polos servizos sanitarios. O alcalde, José Ballesta, declarou tres días de loito oficial.

O Director Xeral de Seguridade e Emerxencias da Rexión de Murcia, Ricardo Villalba, atópase no lugar coordinando co Concello de Murcia os medios necesarios para xestionar esta traxedia. Tamén se desprazou ao lugar o vicepresidente e conselleiro de Interior, Emerxencias e Ordenación do Territorio, José Ángel Antelo. Malia que nun primeiro momento se apuntou á discoteca Teatre, a portavoz deste estabelecemento, María Dolores Abellán, vén de aclarar que o incendio non se iniciou na súa sala, senón na contigua, e que foi nese lugar onde se concentran as vítimas mortais.

Abellán explicou que ao fío das 6 horas desta madrugada recibiron unha chamada de alerta de seguridade dun incendio na sala contigua, La Fonda Milagros, para desaloxar a súa sala. "O persoal que estaba nese momento traballando ponse ao traballo e desaloxa a sala". Insistiu en que, afortunadamente, "non nos consta que houbese ningunha vítima na Sala Teatre".

Con todo, "até que non haxa investigación policial e xudicial do asunto non sabemos exactamente a causa do incendio", matizou, aínda que quixo deixar claro que "non se orixinou na Sala Teatre e non houbo vítimas" neste lugar. A teoría de Abellán confirmouna posteriormente a Policía.

Unha vez extinguido o incendio, os esforzos céntranse en localizar varias persoas desaparecidas. Até o momento, catro persoas, dúas mulleres de 22 e 25 anos e dous homes de 41 e 45, resultaron feridas por inhalación de fume. Ao lugar desprazáronse varias dotacións de bombeiros do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) do Concello de Murcia tentando sufocar o lume. Os bombeiros pedían a intervención do helicóptero da Dirección Xeral de Seguridade e Emerxencias.

Tamén se desprazaron ás inmediacións da discoteca Teatre ambulancias medicalizadas e de transporte da Xerencia de Emerxencias e Urxencias Sanitarias do 061 para atender os feridos, que foron catro, dous deles xa traslados ao hospital. Contra as 9 horas desta mañá, o helicóptero que a Dirección Xeral de Seguridade e Emerxencias, que se puxo ao dispor dos bombeiros do SEIS, non tivo que intervir, posto que os medios terrestres foron suficientes para sufocar o incendio.

Outro incendio en 2009

O incendio deste domingo non é o único que sufriu esta zona de copas murciana. Xa en 2009 Teatre tivo que ser desaloxada por un incendio duns cables que atravesaban a súa fachada. Foi o 21 de xuño dese ano, cando o fogo obrigou a desaloxar a discoteca por prevención, nese momento ocupada por unhas 50 persoas.

Ao lugar acudiron Bombeiros con catro vehículos, unha primeira saída, unha media saída, unha escala e un coche de xefatura, cuxos efectivos conseguiron extinguir rapidamente e con facilidade o pequeno incendio. As chamas non produciron danos persoais, aínda que o fume entrou no interior da discoteca e a Policía Local procedeu ao desaloxou dos clientes que se atopaban no seu interior e a cortar a rúa.

Comentarios