O Goberno ruso carece dunha "hipótese definida" sobre o atentado en Moscova

A unanimidade nos medios occidentais sobre a autoría do Estado Islámico no atentado en Moscova non é compartida en Rusia, onde as autoridades aínda non fixeron pública a súa hipótese sobre o acontecido e a prensa cuestiona as diverxencias con outros ataques cometidos por integrantes do grupo xihadista.
Conmemoración espontánea polas vítimas do atentado, o domingo en San Petersburgo (Rusia). (Foto: Artem Priakhin / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Conmemoración espontánea polas vítimas do atentado, o domingo en San Petersburgo (Rusia). (Foto: Artem Priakhin / Zuma Press / ContactoPhoto)

A investigación sobre o atentado terrorista da pasada sexta feira na rexión de Moscova, Rusia, “continúa”, mais “de momento non se fixo pública ningunha hipótese definida”, subliñou a segunda feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov.

Tras o ataque ao Crocus City Hall, un auditorio dedicado á música, no que foron asasinadas 137 persoas e resultaron feridas outras 150, o presidente ruso, Vladimir Putin, trasladou a detención dos catro autores materiais en Briansk, nas proximidades da fronteira ucraína, onde se dirixirían despois de “preparárselle unha xanela no lado ucraíno para cruzar”.

Pola súa parte, o Estado Islámico (ISIS) reclamou a autoría do ataque por medio de Amaq, a súa axencia de noticias asociada, mentres que os Estados Unidos cualificaron o grupo xihadista como o “único responsábel”, insistindo en que “Ucraína non ten nada que ver en absoluto”.

Porén, desde medios rusos especializados en conflitos bélicos como SouthFront cuestionan que se atribúa a responsabilidade ao ISIS, ou cando menos en exclusiva. O citado medio denunciou nas horas posteriores ao atentado unha operación psicolóxica por parte de medios de Estados membros ou da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para responsabilizar persoas “musulmás” dos feitos.

Poucas horas despois do ataque o Estado Islámico admitiu a responsabilidade, o que non evitou que a prensa occidental apuntara directamente ao ISIS-K, o Estado Islámico de Khorasan, que opera principalmente en Afganistán, ao que sinalou Washington, que advertira semanas atrás dun inminente atentado en territorio ruso. “Creo que os EUA tiñan coñecemento sobre o que ía suceder e non compartiron iso con Rusia”, apuntou o ex funcionario do Departamento de Estado estadounidense Larry Johnson.

Ao tempo, a Intelixencia ucraína defendeu que o atentado foi “unha provocación planificada e deliberada dos servizos especiais rusos seguindo instrucións de [o presidente ruso, Vladimir] Putin”.

Outro dos puntos nos que fan fincapé estes medios é na diferenza do modus operandi dos sospeitosos con outros atentados do ISIS. Nese sentido, explican que intentaron fuxir de forma planificada tras o ataque e a súa resistencia ao arresto foi limitada, algo pouco común nun grupo que non dúbida en usar atentados suicidas para os seus propósitos, á vez que non emitiron as consignas relixiosas usuais neste tipo de ataques.

Nos interrogatorios, os detidos -dous dos que se declararon culpábeis- non mencionaron o ISIS, amais doutras incongruencias coas crenzas musulmás nas imaxes difundidas por Amaq dos atacantes. Un deles detallou que lle ofreceran medio millón de rublos, arredor de 5.000 euros, por perpetrar o ataque, así como que recibiran instrucións a través de Internet.

As autoridades rusas anunciaran na fin de semana que, á parte dos catro autores materiais, con nacionalidade de Taxiquistán, outras sete persoas implicadas foron arrestadas, ás que se sumaron a segunda feira tres persoas máis relacionadas co coche no que fuxiron os atacantes.

Tamén se incide na detención na mesma xornada do atentado de varias persoas vencelladas con grupos armados rusos de extrema dereita que lanzaran incursións contra territorio ruso desde Ucraína.

Unha autoría coherente

Non obstante, Syed Muhammad Ali, analista de seguridade paquistaní, deixou entrever en declaracións á axencia AP que é posíbel a autoría do ISIS despois de “resultar gravemente danado polos ataques aéreos rusos en Siria nos últimos anos”.

Así e todo, a axencia recoñeceu que non ficaba claro o motivo polo que o grupo atacaría Rusia "neste momento". Kabir Taneja, do Observer Research Foundation, asegurou que Rusia sempre foi un obxectivo dos xihadistas, polo que de confirmarse a súa autoría non sería unha novidade a nivel “ideolóxico”, mais si “táctico”.

A comezos de marzo, Rusia informara de que desarticulou unha célula “terrorista internacional prohibida” que programaba un atentado nunha “das institucións relixiosas xudías en Moscova”.

O ISIS contou con financiamento, armamento e apoio de membros da OTAN

Até o avance da investigación rusa e da presentación de probas concluíntes, non se poderá descartar ningunha hipótese, pois a participación ucraína ou da OTAN non é excluínte á do ISIS, apoiado por Turquía, membro da alianza militar liderada polos Estados Unidos, como revelou un ex integrante do grupo terrorista á revista Newsweek.

Diversas fontes aluden á relación entre Washington e o grupo tras atopar soldados rusos hai un lustro armas estadounidenses e israelís nas súas mans.

Ao respecto, un comandante do ISIS detido pola Intelixencia paquistaní, Yousaf al Salafi, declarou que recibiron financiamento por medio dos Estados Unidos para que o grupo terrorista seguise a operar.

Comentarios