Illinois únese a Colorado e Maine e inhabilita Trump á espera da decisión da Xustiza federal

O equipo legal do ex presidente apelará
O ex presidente estadounidense Donald Trump a pasada semana. (Foto: Dominic Gwinn / Europa Press / Contacto)
photo_camera O ex presidente estadounidense Donald Trump a pasada semana. (Foto: Dominic Gwinn / Europa Press / Contacto)

Tracie Porter, xuíza do condado de Cook, no Estado estadounidense de Illinois, sentenciou na madrugada de hoxe que se debe retirar a Donald Trump das papeletas das primarias republicanas e das presidenciais no Estado ao considerar que instigou o golpe de Estado de 2021 no Capitolio, e atrasou a entrada en vigor da decisión até que a Corte Suprema decida sobre a legalidade da decisión de Colorado, que canda Maine tamén vetou a súa participación.

Até o de agora, Trump impúxose en todas as votacións das primarias, e se a Xustiza non o evita enfrontarase ao presidente Joe Biden de novo.

O equipo legal de Trump anunciou que recorrerá a decisión, á espera de que o Supremo comunique o seu veredicto após deixar entrever que avalará a súa candidatura.

A Corte fixo público pouco antes que aceptou o caso para determinar se Trump ten inmunidade por presuntos delitos cometidos durante a súa Presidencia, o que constitúe un éxito para el ao atrasar o caso, que non se resolverá até perto dos comicios presidenciais, en novembro, ou despois das votacións.

Comentarios