Euskadi

Imanol Pradales toma posesión como lehendakari

Pradales pronunciou a xura do cargo mantendo practicamente na súa integridade a "tradición e esencia" da fórmula empregada polo lehendakari Agirre en 1936.
O ex lehendakari, Iñigo Urkullu; a presidenta do Parlamento Vasco, Bakartxo Tejeria, e o novo lehendakari, Imanol Pradales, á súa chegada ao acto de xura do cargo este sábado. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera O ex lehendakari, Iñigo Urkullu; a presidenta do Parlamento Vasco, Bakartxo Tejeria, e o novo lehendakari, Imanol Pradales, á súa chegada ao acto de xura do cargo este sábado. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

O novo lehendakari vasco, Imanol Pradales, xurou este sábado o seu cargo baixo a Árbore de Gernika, na Casa de Xuntas, onde se comprometeu a "cumprir fielmente" o seu mandato. "En pé sobre a terra vasca, humilde ante Deus e a sociedade vasca, baixo o Carballo de Gernika, co recordo aos nosos antepasados, ante os que sodes representantes do pobo, xuro cumprir fielmente o meu mandato", foi a fórmula utilizada por Pradales para a súa xura.

Pradales pronunciou a xura do cargo mantendo practicamente na súa integridade a "tradición e esencia" da fórmula empregada polo lehendakari Jose Antonio Agirre en 1936. O novo presidente chegou ao Parlamento xunto á súa esposa, Laura Sáez, onde os esperaba a presidenta da Cámara, Bakartxo Tejeria, e os membros da Mesa. Todos eles agardaron a chegada do lehendakari saínte, Iñigo Urkullu, para entrar no hemiciclo, coa música do Gernikako Albola de fondo e baixo os aplausos dos arredor de 300 invitados e invitadas.

Pradales, que á súa chegada ao pleno deu a man aos lehendakaris Carlos Garaikoetxea, Juan José Ibarretxe e Patxi López, realizou o xuramento en euskera sobre o exemplar do Estatuto de Autonomía do Parlamento, co que prometen o seu cargo os conselleiros do Executivo, e unha copia do Foro Vello de Bizkaia, realizada o 4 de novembro de 1600 polo escribano Juan Ruiz de Angiz.

Trátase do primeiro texto que recolle o conxunto de institucións do Señorío de Bizkaia, as garantías individuais dos biscaíños e a forma de participación na vida pública. Após lerse o seu nomeamento oficial como lehendakari, Pradales saíu da Casa de Xuntas para xurar baixo a árbore de Gernika, símbolo das liberdades vascas. Acompañouno Bakartxo Tejeria, ao tratarse dunha sesión extraordinaria da Cámara, así como os membros da Mesa. Rematado o xuramento, un quinteto da banda da Ertzaintza interpretou o himno de Euskadi, Euzko-Abendaren Eserkia.

Todos os lehendakaris utilizaron o lugar histórico da Árbore de Gernika para a súa toma de posesión, coas excepcións do lehendakari Jesus Maria Leizaola, en 1960, e Carlos Garaikoetxea, en 1984. O primeiro fíxoo en Donibane Lohizune, e o segundo, na sede do Parlamento vasco.

Comentarios