Netanyahu recúa en poucas horas e reitera o apoio á proposta de alto o fogo de Biden, teoricamente redactada por Israel

Washington advirte que Tehran defendería Hezbolá.
Benjamin Netanyahu. (Foto: Jack Guez / AFP)
photo_camera Benjamin Netanyahu. (Foto: Jack Guez / AFP)

“A nosa posición non cambiou”, asegurou a segunda feira o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, incidindo en que apoia a proposta “israelí” de alto o fogo “acollida polo presidente [dos Estados Unidos Joe] Biden”.

As declaracións producíronse após o rebumbio xerado por unha entrevista na Canle 14 na noite do domingo, na que Netanyahu insistiu en que só aceptaría un acordo parcial que implique unha tregua temporal co intercambio de persoas israelís detidas en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro por palestinas presas en Israel, incidindo en que con posterioridade reactivaría a agresión militar contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como un xenocidio e unha limpeza étnica.

“Non estou disposto a renunciar a iso”, afirmou o primeiro ministro en alusión ao obxectivo de eliminar Hamás, que goberna Gaza, e que o propio Exército israelí considera irreal, ademais de manter que a “fase intensa dos combates contra Hamás está a punto de rematar”, logo de ignorar a orde da Corte Internacional de Xustiza (CIX) de frear a ofensiva contra Rafah, no sur de Gaza.

A proposta de alto o fogo anunciada polo presidente estadounidense, que aseverou que se trataba dunha proposición israelí, algo que foi cuestionado pola reacción negativa desde o réxime de apartheid sionista, foi aprobada polo Consello de Seguridade da ONU hai dúas semanas e recolle que na segunda fase da implementación do texto habería “unha calma sostíbel co cesamento permanente das operacións militares e das hostilidades”.

A semana pasada, Netanyahu desencadeou un choque diplomático co seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos, ao afirmar que estaban atrasando a entrega de armamento e munición.

En paralelo, reitera que a diminución das súas forzas en Gaza permitirá despregalas na fronteira co Líbano, no marco das ameazas contra o país árabe dunha ofensiva no caso de que Hezbolá continúe atacando posicións israelís en defensa do pobo palestino.

Nese sentido, o líder do Estado Maior Conxunto estadounidense Charles Q. Brown constatou que ese ataque derivaría nun conflito rexional, pois, tras afirmar Washington que seguiría apoiando Israel nese escenario, remarcou que correría o risco dunha resposta iraniana.

Asemade, sinalou que posibelmente non poderían axudar Israel a defenderse polas características do armamento que ten á súa disposición a forza libanesa.

Comentarios