Elévanse a 133 as mortes confirmadas polo atentado en Moscova, que deixa xa once detencións

Dous dos presuntos autores materiais do ataque foron interceptados en Briansk e pretendían fuxir a Ucraína, segundo o FSB.
Candea acesa nunha pantalla para lembrar as vítimas do atentado, esta mañá, en Moscova. (Foto: Cao Yang / Xinhua News)
photo_camera Candea acesa nunha pantalla para lembrar as vítimas do atentado, esta mañá, en Moscova. (Foto: Cao Yang / Xinhua News)

Ascenden xa a 133 as vítimas mortais no atentado terrorista perpetrado na tarde desta sexta feira nunha popular sala de concertos de Moscova, o Crocus City Hall, e cuxa autoría reivindicou a última hora o Estado Islámico. O Comité de Investigación de Rusia actualizou esta cifra este sábado a través dun comunicado no que atribúe os falecementos ás feridas de bala provocadas polos disparos indiscriminados dos atacantes e a asfixia polo incendio que se produciu no recinto e que deixou decenas de persoas atrapadas no seu interior.

Nestes momentos hai, ademais, outras 80 persoas hospitalizadas, das que 13 están en estado crítico e 25, graves. Unhas 40 vítimas tiveron que ser operadas de urxencia ao longo da noite por mor das feridas que presentaban, e outros oito feridos xa recibiron a alta.

Porén, todas estas cifras seguirán incrementándose, presumibelmente, conforme avance a xornada, advirten as autoridades rusas, que se centran agora en inspeccionar o edificio para buscar probas que axuden a dar cos responsábeis e en estudar as cámaras de seguridade que captaron o tiroteo, a fin de esclarecer as causas e motivacións.

Os asaltantes, segundo apuntan as forzas de seguridade, utilizarían un "líquido inflamábel" para incendiar o local mentres disparaban a discreción con armas automáticas que xa foron incautadas. No interior a banda de rock Picnic preparábase para dar un concerto que non puido chegar a empezar. Todos os seus integrantes fuxiron dos disparos, segundo precisaron desde a organización.

Once detencións

O Servizo Federal de Seguridade de Rusia, o FSB, informou da detención dos catro autores materiais do ataque, dous deles na rexión rusa de Briansk, no sur do país, para presuntamente tentar "cruzar a fronteira cara a Ucraína", segundo a mesma fonte, pois terían "contactos relevantes no lado ucraíno".

No interior do seu vehículo, apunta a axencia de noticias Tass, atopáronse unha pistola, un cargador para fusil de asalto e pasaportes de Tayikistán. Aliás, outras sete persoas que tamén estarían relacionadas co atentado foron detidas polas autoridades nas últimas horas.

Comentarios