Os Países Baixos piden unha exclusión voluntaria para saír da política migratoria común da UE

O Goberno prometera endurecer o réxime de asilo.
Dick Schoof, líder neerlandés. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)
photo_camera Dick Schoof, líder neerlandés. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)

Tras estabelecerse un novo Goberno nos Países Baixos liderado pola extrema dereita, a cuarta feira o Executivo encabezado por Dick Schoof solicitou formalmente á Comisión Europea a súa exclusión voluntaria do pacto migratorio, unha medida sen precedentes.

A coalición gobernamental prometera desenvolver o “réxime de asilo máis estrito xamais visto”, e a ministra de Asilo e Migración, Marjolein Faber, insistiu en que “precisamos volver ser responsábeis da nosa propia política de asilo”. Con todo, na misiva que dirixiu ao Executivo da Unión Europea (UE), Faber admitiu que para implementar esta exclusión sería precisa unha modificación do Tratado da UE, subliñando que aspira a “que outros Estados membros se sumen a esta iniciativa”.

Ao tempo, o Goberno de Ámsterdam sinalou que “mentres” non se conceda a exclusión levarán á práctica o pacto migratorio aprobado este ano, e que recolle as demandas da ultradereita para obstaculizar a chegada de persoas migrantes, externalizando a xestión a terceiros países.

Esta medida forma parte dunha batería de propostas presentadas polo Executivo, e que inclúe a declaración dunha emerxencia migratoria, semellante á efectuada por Italia após a chegada da ultradereitista Giorgia Meloni ao poder, e a suspensión temporal da lexislación migratoria para aumentar a marxe legal do Goberno á hora de procesar expulsións de migrantes. Tamén recolle a fin do carácter indefinido do asilo ou da reunificación familiar para fillos adultos, endurecendo as normas neste sentido.

Ao ser presentada, Schoof afirmou que, incluso dentro da política migratoria común, “queremos configurala como mellor nos pareza”.

Anitta Hipper, voceira de Interior da Comisión, aseverou que o órgano “non agarda cambios inminentes” arredor do pacto migratorio, facendo fincapé en que seguirá a ser “obrigatoria” a súa aplicación no territorio dos Países Baixos.

Tres membros xa gozan de exclusións

Na actualidade só tres Estados da UE contan con cláusulas de exclusión, como a que permite a Dinamarca non formar parte da unión económica e monetaria da UE, conservando a coroa danesa como moeda, ou non integrarse na cooperación en ámbitos como xustiza e seguridade.

Unha cláusula semellante é a que mantén Irlanda fóra do acordo de Schengen, ou a que garante a Polonia non ter que aplicar a Carta de Dereitos Fundamentais da UE.

Comentarios