Seis persoas desaparecidas polo colapso da ponte de Baltimore

Biden afirma que o Goberno pagará a reparación.
Ponte derrubada na cidade estadounidense de Baltimore, a terza feira. (Foto: Karl Merton Ferron / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Ponte derrubada na cidade estadounidense de Baltimore, a terza feira. (Foto: Karl Merton Ferron / Zuma Press / ContactoPhoto)

Á hora do fechamento desta edición, as autoridades estadounidenses buscaban seis persoas desaparecidas no río Patapsco tras derrubarse na madrugada da terza feira a ponte Francis Scott Key en Baltimore, no Estado de Maryland, ao chocar contra a infraestrutura un navío portacontedores con bandeira de Singapur.

Na mañá, dúas persoas foron rescatadas con vida, unha delas en estado grave, das oito que se atopaban na ponte no momento do colapso. James Wallace, xefe de bombeiros da localidade, detallou que atoparon baixo a auga cinco vehículos. As tarefas de rescate continúan nunhas augas que se atopan nesta época na contorna de 9ºC, o que complica a operación, da mesma maneira que os movementos da marea.

O presidente estadounidense, Joe Biden, afirmou que o “Goberno federal pagará o custo total”, para o que require da aprobación do Congreso. O porto de Baltimore é o noveno máis importante dos Estados Unidos, e moveu o ano pasado máis de 70.000 millóns de euros en productos, xerando 15.000 empregos directos e case 140.000 indirectos, sostén o Estado.

Comentarios