Irlanda

Cinco persoas feridas, tres delas crianzas, nun ataque con arma branca en Dublín

Unha muller e unha das menores están a ser atendidas polos sanitarios por feridas de gravidade.
Dispositivo médico e policial despregado após o atentado en Dublín. (Foto: RTÉ)
photo_camera Dispositivo médico e policial despregado após o atentado en Dublín. (Foto: RTÉ)

Un ataque con arma branca nunha céntrica rúa da capital irlandesa, Dublín, deixou este mediodía cinco persoas feridas de diversa gravidade. Ocorreu pouco despois das 13.40 horas (14.40h na Galiza) en Parnell Square East, no exterior dunha escola infantil, e as vítimas son un home, unha muller e tres crianzas. Unha das rapazas menores de idade e mais a muller están a ser atendidas por feridas graves, precisa a canle de televisión BBC.

A canle de televisión pública RTÉ apunta que varios viandantes, ao contemplaren a escena, decidiron abalanzarse sobre o presunto agresor, que sostiña un coitelo de grandes dimensións -a suposta arma homicida- e que se autoinflixiu varias puñaladas. As autoridades policiais non ofreceron polo de agora demasiada información ao respecto, mais avanzaron que nestes momentos non se agardan máis detencións.

Os peóns arrodearon o home, tirárono ao chan e algúns deles comezaron a propinarlle patadas. "A xente tentaba atacalo, así que unha señora estadounidense e mais eu formamos un círculo arredor del dicindo que esperariamos á Policía", dixo a RTÉ a testemuña Siobhan Kearney.

Comentarios