O Polisario critica que Sánchez valide a ocupación marroquí do Sáhara

O presidente español comprometeuse a "evitar todo aquilo que sabemos que ofende a outra parte".
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez; o historiador do Reino de Marrocos e portavoz do Palacio Real, Abdelhak Lamrin, e o ministro de Sanidade e Protección Social marroquí, Khalid Ait Taleb, logo de visitar o Mausoleo de Mohamed V. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez; o historiador do Reino de Marrocos e portavoz do Palacio Real, Abdelhak Lamrin, e o ministro de Sanidade e Protección Social marroquí, Khalid Ait Taleb, logo de visitar o Mausoleo de Mohamed V. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)

O presidente español, Pedro Sánchez, estase a "desligar" do dereito internacional, ignorando os organismos internacionais e até o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao ratificar na declaración conxunta da Reunión de Alto Nivel entre Marrocos e o Estado español o seu apoio á proposta de autonomía de Rabat sobre o Sáhara Occidental ocupado, denunciou esta quinta feira o delegado da Fronte Polisario en Madrid, Abdulah Arabi.

Asemade, o representante da forza de Goberno na República Árabe Saharauí Democrática cuestionou que a pesar das cesións españolas para contentar Marrocos, para Rabat "non son suficientes", como amosa que o monarca alauí, Mohamed VI, non recibira a Sánchez.

"A ninguén se lle escapa que pasa moito tempo fóra do seu país", destacou Arabi, recollendo as denuncias de que o rei pasa máis tempo en Francia ou na súa mansión de Gabón que no propio Marrocos.

Na cimeira, o mandatario español afirmou que entre Madrid e Rabat existe unha "xenuína cooperación como nunca antes existiu", comprometéndose a "evitar todo aquilo que sabemos que ofende a outra parte".

Nesa liña, salientou os acordos relativos ás cuestións migratorias, un dos principais intereses de Sánchez no país africano, nos que quedou asinada a intensificación da colaboración "no ámbito da loita contra a migración irregular e o control de fronteiras" e na expulsión de migrantes sen regularizar.

O ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska, incidiu na importancia deste punto facendo fincapé en que en 2022 baixou 25% a chegada de migrantes sen regularizar de Marrocos, ao que hai que engadir unha nova redución de 69% en xaneiro. Marlaska negouse a dimitir tras o masacre no valado de Melilla o pasado ano, no que morreron cando menos 23 persoas, negando a responsabilidade española na traxedia.

Comentarios