Portugal aproba definitivamente a despenalización da eutanasia

O presidente ten oito días para sancionar a norma, o que xa se comprometeu a facer, mentres que o Partido Social Democrata adianta que levará a norma ao Constitucional.

Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Daina Le Lardic / European Parliam / DPA)
photo_camera Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Daina Le Lardic / European Parliam / DPA)

Tres anos despois do comezo do proceso lexislativo para despenalizar a eutanasia en Portugal, e con até catro vetos do presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, polo medio con dúas impugnacións ao Tribunal Constitucional, finalmente, a Assembleia da República aprobou a sexta feira por quinta vez a norma, xa de forma definitiva, ao estar obrigado Rebelo de Sousa a promulgala nun prazo de oito días ao superar o total dos apoios a maioría absoluta marcada na Cámara, como exixe a Constitución nestes casos.

Os votos favorábeis procederon da meirande parte das e dos representantes do Partido Socialista, da Iniciativa Liberal, do Bloco de Esquerda, do Pessoas-Animais-Natureza, do Livre e de oito dos asentos do conservador Partido Social Democrata -cunha abstención-, mentres que a maioría da formación votou en contra, como o Partido Comunista, catro parlamentarios socialistas e a extrema dereita do Chega.

Pola súa parte, Rebelo de Sousa confirmou que promulgará o texto, reiterando que cumprirá co seu compromiso coa Carta Magna lusa, malia que non se fixera ningunha modificación ao texto que xa fora aprobado a finais de marzo, como reclamara o presidente para detallar que profesional define a incapacidade física da persoa doente ou como se leva a cabo a supervisión do proceso.

Á vez, Luís Montenegro, líder do Partido Social Democrata, insistiu en que solicitarán a fiscalización da norma para que o Tribunal Constitucional analice a súa validez, o que non impediría que fose promulgada, mais podería derivar nunha suspensión se o tribunal a considera inconstitucional.

Asemade, criticou que a Assembleia non aceptara a súa proposta co Chega de convocar un referendo para que a poboación determinase se está de acordo coa despenalización da eutanasia.

A decisión do lexislativo remata con oito anos de debate, após ser entregadas 8.400 sinaturas de cidadáns e cidadás co manifesto do movemento cívico Direito a Morrer com Dignidade, e que precisou tres lexislaturas para facerse realidade.

Polémica no último treito

A última fase do proceso de aprobación xuntouse coa polémica entre Rebelo de Sousa e o primeiro ministro, o socialista António Costa, que levou o presidente a advertir o Goberno da súa responsabilidade na perda de lexitimidade das institucións por manter no seu posto o ministro das Infraestruturas, João Galamba, cuxa dimisión reclamara Rebelo de Sousa polas acusacións a un asesor de agochar información ao Parlamento sobre a compañía pública TAP Air Portugal.

Comentarios