Catalunya

Primeiro amnistía como "punto de partida", e logo un referendo de independencia, reclama Aragonès

Alfonso Rueda sostén que "está en xogo o futuro de España".
Pere Aragonès, a quinta feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès, esta quinta feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A amnistía para as e os independentistas cataláns represaliados polo Estado español é “un punto de partida imprescindíbel” para comezar cun proceso que finalizaría cun referendo de independencia, detallou hoxe o presidente catalán, Pere Aragonès, na súa intervención no Senado español, no marco da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas.

Nese sentido, fixo énfase en que a amnistía tamén é un paso “imprescindíbel" para “recoñecer a existencia dun conflito político que se vai resolver a través do diálogo", asemade de para “rematar coa causa xeral contra o independentismo” lanzada polo Estado español.

Insistindo en que a cidadanía catalá ten que ter a última palabra nunha votación na que “todas as opcións sexan posíbeis”, o mandatario criticou que o Partido Popular (PP) se “escandalice” pola medida, cando non aconteceu o mesmo cos 6.000 indultos outorgados durante os mandatos á fronte do Executivo español de Felipe González (PSOE) e José María Aznar (PP).

A amnistía é unha das medidas exixidas por Esquerra Republicana de Catalunya, á que pertence Pere Aragonès, e Junts para apoiar que Pedro Sánchez (PSOE) se manteña como presidente español no Congreso, para o que precisa tamén o apoio das forzas nacionalistas de Euskadi e a Galiza.

Nese sentido, as intervencións dos presidentes territoriais do PP na sesión -os únicos que asistiron amais de Aragonès-, que foi convocada polos conservadores en virtude do seu control do Senado para abordar a “igualdade ante a lei de todos os españois”, pivotaron arredor desta cuestión.

O líder andaluz, Juan Manuel Moreno, insistiu en que a amnistía supón “un retroceso na calidade da nosa democracia”, ao tempo que Carlos Mazón, que goberna no País Valencià coa ultraespañolista Vox, afirmou que implica premiar quen foi en contra da lei, nunha persecución xudicial que non avalaron múltiples Estados da Unión Europea ao negarse a extraditar as exiliadas e 
exiliados cataláns.

O presidente galego, Alfonso Rueda, foi máis alá e subliñou que “está en xogo o futuro de España”, aseverando que “a igualdade dos españois e dos galegos custou décadas en conseguirse”. Tamén incidiu en que “nunca imos deixar de reclamar o que cremos que en xustiza nos corresponde”. Porén, nos últimos 14 anos, desde que o PP volveu á Xunta, primeiro con Alberto Núñez Feixoo, actual presidente estatal do PP, e logo con Rueda, só se traspasou unha nova competencia á Galiza.

Comentarios