O Goberno ruso ordenou esta cuarta feira a expulsión de 27 diplomáticos da Embaixada española en Moscova e do Consulado Xeral en San Petersburgo en reciprocidade pola medida no mesmo sentido adoptada por España o pasado 5 de abril, segundo informou o Ministerio de Exteriores ruso.
O embaixador español en Moscova, Marcos Gómez, foi convocado ante o Ministerio de Exteriores ruso para trasladarlle a "firme protesta" do Goberno de Vladimir Putin pola expulsión de 27 membros do persoal da súa Embaixada en Madrid e para informarlle da medida recíproca en resposta.
O departamento que dirixe Sergei Lavrov procedeu a declarar persoa non grata aos 27 diplomáticos españois e deulles sete días para abandonar Rusia unha vez recibida a notificación.
Así mesmo, o Ministerio de Exteriores ruso deixou claro ao embaixador español que considera un xesto hostil a decisión de España de expulsar a 27 empregados da súa Embaixada en Madrid e advertiu de que "terá un impacto negativo nas relacións ruso españolas".
O ministro de Asuntos Exteriores de España, José Manuel Albares, incidiu en que cando se anunciou a expulsión de 27 empregados da Embaixada rusa en Madrid o pasado 5 de abril "xa contaba con que habería reciprocidade respecto diso".
Albares explicou que a expulsión do persoal diplomático ruso debeuse a que representaba "unha ameaza para os intereses de seguridade" de España así como ás "terríbeis accións" que as forzas rusas estaban a cometer por aquel entón en Ucraína.
Rusia cifra en 959 as rendicións no Azovstal
O Ministerio de Defensa de Rusia anunciou esta cuarta feira que ascendeu a 959 o total de combatentes do batallón ultradereitista ucraíno Azov e de militares ucraínos parapetados na planta metalúrxica Azovstal, situada na cidade de Mariupol, que se renderon ás tropas rusas. Entre eles hai 80 feridos, 51 dos cales xa foron enviados a un hospital.
Sánchez e o Ibex estreitan lazos comerciais co Estado de Qatar
O viceprimeiro ministro e ministro de Asuntos Exteriores de Qatar, Mohamed bin Abdulrahman al Thani, saudou o incremento dos investimentos que o seu país leva a cabo en España e afirmou que esta iniciativa de asociación de investimento representa un punto de partida para fortalecer as relacións sólidas entre ambos os países.
Expresouse así despois de que o emir de Qatar Tamim bin Hamad al Thani anunciase, durante a primeira xornada da súa visita de Estado, que o volume de investimentos acordado coa parte española ascende a máis de 4.700 millóns de euros en diversos sectores como proba da confianza de Qatar na "forza da economía española".
A Cámara de Comercio de Madrid e a de Qatar asinaron esta cuarta feira un acordo de colaboración. Iberdrola e a Axencia de Promoción do Investimento de Qatar fortalecerán a súa alianza estratéxica en innovación a través do centro Iberdrola Innovation Middle East, con sede en Doha. Ademais, A Compañía Española de Financiamento do Desenvolvemento e o fondo soberano de Qatar buscarán oportunidades conxuntas de investimento.