Sesión de control

Sánchez reta Feixoo a exixir a dimisión de Ayuso nun tenso pleno con alusións a Koldo e Marcial Dorado

O líder do PP acúsao de pór o "ventilador" e promete unha oposición "implacábel" no 'caso Koldo': "Señor Sánchez, esta é a súa trama de corrupción".
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, no Congreso. (Fotos: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, no Congreso. (Fotos: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, retou esta cuarta feira o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, a exixir a dimisión da presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, tras o caso de presunta fraude fiscal que afecta a súa parella, aínda que "lle custe o posto" como ao seu antecesor, Pablo Casado. Na súa quenda de réplica, o xefe da oposición emprazouno a dar "a cara" porque o 'caso Koldo' é, dixo, a súa "trama de corrupción", e avisou de que "canto máis acenda o ventilador, máis acredita a súa desesperación".

A sesión de control ao Goberno no Pleno do Congreso converteuse nun tenso duelo parlamentario, con acusacións mutuas de corrupción sobre a trama de mordidas na compra de máscaras durante a pandemia e sobre o caso que afecta a parella de Ayuso, Alberto González Amador —unha presunta fraude fiscal de 350.951 euros a través de facturas falsas e empresas 'pantalla'—. Nesta pequena liorta parlamentaria, Sánchez mesmo sacou a relucir a "estreita amizade" de Feixoo cun "capo do narcotráfico" na Galiza, en referencia a Marcial Dorado.

Feixoo: "O que cala, outorga"

Feixoo abriu fogo cargando contra o presidente do Goberno polo 'caso Koldo', e asegurou que non lle sorpredeu o "silencio cómplice" cando lle dixera hai unha semana no Congreso que "o sabía e tapouno". "Xa sabe, o que cala outorga", sentenciou. O líder do PP avisou Sánchez que o seu futuro está "ameazado pola corrupción": "A corrupción política de comprar a Presidencia a cambio de impunidade", dixo, en alusión á lei de amnistía, e "a corrupción económica" que, ao seu entender, "coñece moi ben" porque o Goberno do PSOE "pagou por máscaras que a trama converteu en mordidas".

Tamén acusou Sánchez e mais o seu Executivo de "pedir a outros que as comprasen", "dar o chivatazo aos investigados" e "recibir no aeroporto de Barajas a vicepresidenta venezolana de Maduro [Delcy Rodríguez] cos membros da trama", en referencia ao chamado 'caso Delcy', cuxa reapertura o PP quere solicitar pola súa presunta vinculación co 'caso Koldo'.

O líder do PP lembrou, ademais, o rescate de Air Europa e destacou que o Executivo "negociou un rescate millonario a unha empresa cun dos líderes da trama", que está implicado "na venda das máscaras" e "acompañou o Goberno ao aeroporto de Barajas". Por iso, o xefe da oposición preguntou a Sánchez por que "non ordenou" ao PSOE e ao Goberno que "dea todas as explicacións" aos deputados e aos cidadáns.

"E por que tampouco respondeu o que só vostede pode contestar? Estamos ante un suposto moi grave de corrupción, señor presidente, que afecta o seu Goberno, o seu partido e probabelmente a vostede", espetoulle, para exixirlle a continuación "dar a cara" e aclarar "até onde pode chegar esta trama de corrupción".

Sánchez: "Pida a dimisión de Ayuso, aínda que lle custe o posto"

Ante esa exixencia do PP, Sánchez presumiu de "colaborar coa Xustiza" no caso da presunta trama de mordidas na compra de máscaras durante a pandemia, e de "render contas ante as Cortes Xerais creando unha comisión de investigación", así como de asumir responsabilidades políticas, "sen dobre vara de medir" e "sen leis do embude". Dito isto, pasou ao ataque contra o PP pedindo que actúe coa coherencia que predica. Así, lembrou que os populares pediron a dimisión da directora xeral da Garda Civil, María Gámez, "por un caso que afectaba a súa parella e que posteriormente foi arquivado".

"Exíxolle que pida a dimisión da señora Ayuso como presidenta da Comunidade de Madrid, que teña coraxe, que sexa valente, que exixa a dimisión de Ayuso aínda que lle custe o posto, como ao señor [Pablo] Casado", demandou Sánchez. Segundo o presidente español, Feixoo debe reclamar a Ayuso "a dimisión" e "responsabilidades políticas" tras as informacións que se coñeceron nas últimas horas. "E entón empezará a ser vostede algo críbel na exemplaridade e na loita contra a corrupción", manifestou, ante un hemiciclo alborotado, que levou a presidenta da Cámara, Francina Armengol, a intervir e rogar silencio.

A continuación, Sánchez defendeu non falar de terceiras persoas senón deles dous. "Imos imaxinar que eu son alto cargo dunha comunidade, poñamos que da Xunta da Galiza. E durante cinco anos desenvólvese unha relación de estreita amizade cun capo do narcotráfico", asegurou, aludindo despois a comidas, hoteis, vacacións xuntos, así como viaxes a Canarias, Eivissa, Portugal ou "mesmo Andorra, onde supostamente este narcotraficante branqueou 21 millóns dos francos franceses de entón".

Sánchez recalcou a Feixoo que nese caso o PP estaría a pedir a súa dimisión. "Pero non o fai porque foi vostede o que desenvolveu esa amizade cun capo do narcotráfico na Galiza", asegurou, para engadir que o líder do PP "con ese historial, puido escalar todo o máis alto" do seu partido, pero no PSOE "non chegaría nin a concelleiro de pobo".

Despois de que Sánchez puxese o foco en Ayuso, Feixoo advertiuno de que "canto máis acenda o ventilador, máis acredita a súa desesperación". "Festas sórdidas, fotografías que non se poden ensinar, armas, tráfico de maletas, decenas de móbiles, Ferraris, Lamborghinis, chivatazos... De verdade non debe ser vostede un pouco máis prudente?", exclamou.

Dito isto, volveulle exixir explicacións "voluntariamente" porque se está "investigado o seu Goberno" e a el mesmo. Ao seu entender, o presidente do Goberno cometeu un "gravísimo erro" na sesión de control, en alusión ao ataque coa parella de Ayuso. "Alá vostede, seguro que na súa casa non están moi contentos co que vostede acaba de dicir. Vostede é o responsábel de subir este ton", avisoulle.

O xefe da oposición garantiu que fará unha oposición "implacábel" coa corrupción que a que el mesmo fixo para chegar á Presidencia do Goberno, aludindo ao 'caso Gürtel', sobre o que se sustentou a moción de censura para desbancar o Goberno de Mariano Raxoi en 2018. "Señor Sánchez, esta é a súa trama de corrupción", concluíu.

Comentarios