As autoridades suecas veñen de informar do achado de "trazas de explosivos" na contorna do gasoduto Nord Stream na que a finais de setembro se rexistraron unha serie de explosións e fugas de gas de forma simultánea, no territorio marítimo entre Suecia e Dinamarca.
"As análises realizadas mostran trazas de explosivos en varios dos obxectos non autóctonos achados", precisou á primeira hora desta sexta feira, a través dun comunicado remitido pola súa oficina, o fiscal sueco que investiga o incidente, Mats Ljungqvist, que aclarou que as investigacións "para alcanzar conclusións máis determinantes" aínda proseguen.
"A cooperación coas autoridades de Suecia e outros países funcionou de forma excelente. De cara aos seguintes traballos no marco da investigación preliminar e as colaboracións en marcha é importante que poidamos traballar con paz e tranquilidade", engadiu a oficina do fiscal, que tamén falou dunha "flagrante sabotaxe".
Suecia xa afirmara o pasado 6 de outubro, a raíz das primeiras pesquisas, que os danos foran causados por "explosións" e que, en consecuencia, iso "reforza as sospeitas sobre unha grave sabotaxe".
Cruzamento de acusacións
Ás poucas horas de coñecerse o acontecido, a compañía operadora dos gasodutos, Nord Stream AG, apuntou tamén que se trataba dunha situación "sen precedentes" pola simultaneidade dos feitos. "Esta noite, o controlador do sitio en terra Nord Stream 2 rexistrou unha forte caída de presión na liña A. Os servizos costeiros de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Rusia foron notificados de inmediato. Está a levarse a cabo unha investigación", aseguraran desde Nord Stream.
Desde o momento no que se detectaron as fugas no mar Báltico, varios países e Rusia cruzaron continuas acusacións sobre a responsabilidade das mesmas. Gobernos como o estadounidense e o polaco, entre outros, acusaron Moscova de ter sabotado o Nord Stream para non ter que subministrar gas natural a países da Unión Europea (UE).
O Kremlin respondeu, a través do portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, a estas acusacións, cualificándoas de "previsibelmente estúpidas". Peskov alegou que "este é un gran problema para nós".
Ademais, o portavoz do Kremlin tamén quixo tratar unha posíbel implicación dos Estados Unidos de América no asunto, manifestando que “hai moitas preguntas sobre o que pasou”. “Estamos a ver os enormes beneficios dos provedores de gas natural licuado dos Estados Unidos, que multiplicaron as súas entregas ao continente europeo”, engadiu.