Entrevista

Teresa Rodríguez: "O centralismo é unha lacra para os pobos do Estado"

Adiante Andalucía concorre ás eleccións andaluzas de 19 de xuño como unha coalición de esquerda sen dependencia de forzas estatais. Nós Diario conversa con Teresa Rodríguez, líder e candidata desta formación, sobre as posicións políticas que defende e a súa aspiración de consolidar un espazo político andalucista.
Teresa Rodríguez encabeza a candidatura de Adiante Andalucía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Teresa Rodríguez encabeza a candidatura de Adiante Andalucía. (Foto: Nós Diario)

—Por que Adiante Andalucía (AA) evoluciona para ser unha coalición sen dependencias de partidos de ámbito estatal? 

AA xa se presentaba en 2018 como unha forza de ámbito andaluz aínda tendo incluídas organizacións con referentes estatais. Naquel entón, a concepción de AA era a de tomar as nosas decisións en Andalucía sen dependencia das opinións dos partidos de Madrid, mais o acordo nesta cuestión durou até que se conforma o Goberno de coalición a nivel estatal. 

Parte do equipo quere exixirlle a este Executivo o cumprimento dos seus compromisos con Andalucía e outra entende que debemos cambiar esa actitude e defender os intereses do Goberno estatal en Andalucía.

Aí comezan os conflitos, por unha parte quen estaba máis en dinámica estatal e por outra parte nós en chave andaluza, e acabamos rompendo en dous. AA é unha forza andalucista que pretende ter bo entendemento co resto das esquerdas, mais que ten claro que o seu centro de atención e de decisión está en Andalucía.

—Queren consolidar un espazo andalucista sen ataduras ás dinámicas estatais?

Esa é a idea. Existe unha cuestión que é común a todas as forzas estatais, que son andalucistas mentres non gobernan en Madrid, mais cando chegan ao poder estatal convértense na súa correa de transmisión no territorio, o contrario ao que nós entendemos que hai que facer. Nós achegamos algo novo coa constitución dun espazo político para o andalucismo de esquerda. Necesitamos esa voz propia que xa teñen outros pobos do Estado, cos que ademais creo que temos unha tarefa común, que é acabar co centralismo, porque é unha lacra para o desenvolvemento dos pobos dentro do Estado español.

—Vostede declara que a centralidade política de Madrid é un lastre para Andalucía.

Si. "Madriz", con zeta, dicimos. Ese espazo de poder estatal alleo aos problemas dos territorios e cuxas lóxicas fundamentalmente son favorecer a supervivencia dos partidos que teñen sede alí. As súas decisións teñen que ver coa reprodución dos intereses partidarios.

—Ve Andalucía unha nación?

Andalucía tivo un proceso histórico de autoreivindicación en 1977 con mobilizacións masivas no momento no que se soubo que a Constitución de 1978 ía recoñecer nacionalidades históricas, pois Andalucía quería o maior dos recoñecementos. O noso Estatuto recoñece Andalucía como unha realidade nacional, o eufemismo para non dicir nación, e polo tanto, isto non depende da miña opinión, forma parte do noso patrimonio constitucional. 

Entendo como nación un pobo que se reivindica politicamente, que quere achegar centros de decisión, tomar decisións sobre o seu futuro e reivindicarse como unha comunidade con intereses comúns, elementos que existen en Andalucía.

—Reclaman unha maior soberanía para Andalucía. Como se traduce no ámbito competencial?

Paréceme interesante falar de soberanías, en plural, como reclamacións de tomar decisións sobre o futuro propio. Non neste caso sobre ter ou non un Estado propio, pois en Andalucía non existe ese pulso independentista, mais si na posibilidade de decidir sobre o noso modelo produtivo, a agricultura, a transición enerxética ou outras moitas cuestións.

Temos autonomía, mais non capacidade de facela funcionar para garantir as nosas necesidades. AA reclama avanzar cara á toma de decisións sobre as cuestións decisivas, e non seguir nesa posición dependente e perdedora na que non podemos decidir absolutamente nada. É por iso que exiximos a descentralización de competencias chave, como pode ser a da enerxía.

Colaboración entre forzas soberanistas

Teresa Rodríguez sinala a necesidade de colaboración entre as forzas soberanistas do Estado, pois os pobos "teñen un problema en común que se chama centralismo", consistente na "toma de decisións lonxe do territorio e sen ter en conta á cidadanía". Así, aposta por crear espazos de "horizontalidade" entre "os pobos do Estado" para "poder debater sobre o noso futuro en común, o modelo de relacións e o respecto que nos debemos".

Con respecto ás vindeiras eleccións andaluzas, a portavoz de AA cre que desde a pedagoxía, a esquerda pode chegar a sumar desde diferentes espazos políticos. Neste senso, fai un chamamento para que "o espazo que existe á esquerda do Partido Socialista faga todo o posíbel para deixar de desanimar o seu electorado", abandonando unha "época accidentada" e facendo "unha campaña respectuosa" que explique por que a Andalucía non lle convén a dereita.

Comentarios