Trump inicia o camiño das primarias do Partido Republicano con vitoria no Estado de Iowa

Aínda que son os primeiros resultados de Trump na procura por lograr o terceiro nomeamento consecutivo á presidencia dos EUA polo Partido Republicano, o triunfo en Iowa foi crucial no inicio das primarias republicanas que reforza o vínculo do ex presidente cos votantes do partido.
Un cartazdun apoiante de Donal Trump (Foto: Europa Press / Contacto / Douglas R. Clifford).
photo_camera Un cartazdun apoiante de Donal Trump (Foto: Europa Press / Contacto / Douglas R. Clifford).

Donald Trump gañou na madrugada desta terza feira os caucus (asembleas populares de cada partido) no estado de Iowa, tal e como o vaticinaban as enquisas, deixando atrás Ron DeSantis e a Nikki Haley, que quedaron segundo e terceira respectivamente. Mentres, o magnate Vivek Ramaswamy decidiu abandonar a carreira presidencial republicana e mostrou o seu apoio ao ex mandatario Trump. Con 95% dos votos escrutados, Trump obtivo 51%, DeSantis, 21,2% e Haley sumou 19,1%.

Aínda que son os primeiros resultados de Trump na procura por lograr o terceiro nomeamento consecutivo á presidencia dos EUA polo Partido Republicano, o triunfo en Iowa foi crucial no inicio das primarias republicanas que reforza o vínculo do ex presidente cos votantes do partido.

A pesar de que o número de delegados que está en xogo en Iowa apenas rolda 1% do total, a obtención dun bo resultado cobra grande importancia, xa que se considera que esa toma de contacto resulta determinante nas campañas electorais norteamericanas.

O 'Caucus'

O caucus de Iowa, tradicionalmente marca o inicio do longo proceso de elección de candidatos á Presidencia. Nesta etapa primaria, os integrantes do partido político non votan do modo habitual, senón que organizan unha discusión grupal e aberta: os votantes reúnense nunha habitación grande para 'votar cos pés'; é dicir, inicialmente sitúanse nun bando ou outro en función das súas preferencias políticas, pero todos poden cambiar de posición en calquera momento.

O candidato gañador é quen, tras un intenso debate que pode durar horas, conta co maior número de seguidores. Os Estados que empregan este método son Iowa, Alaska, Colorado, Maine, Hawai, Kansas, Minnesota, Nevada, Dakota do Norte, Washington e Wyoming.

Tras as eleccións primarias e os caucus, ao final os votantes seleccionan os delegados que, posteriormente, nomearán nas convencións demócrata e republicana os candidatos presidenciais. Case todos estes representantes están obrigados a votar de acordo cos resultados das primarias, pero esta máxima non se cumpre sempre.

Seguinte parada, Nova Hampshire

A seguinte parada nas primarias é Nova Hampshire o 23 de xaneiro, xa coa participación dos demócratas, entre os que se prevé que o actual mandatario, Joe Biden, sexa o escollido. No campo republicano, é un Estado no que se medirán as posibilidades reais de Haley, cun electorado que “encaixa mellor co seu tipo de política”, explica o xornal The Wall Street Journal.

Unha nova enquisa publicada pola canle CBS coloca todas as precandidaturas do Partido Republicano por riba de Biden, no caso de Haley con oito puntos de diferenza sobre o presidente, tres no de DeSantis e dous no de Trump.

Os Estados de Iowa e Nova Hampshire teñen un significado especial nas eleccións presidenciais, xa que alí decorren as primeiras eleccións primarias: mediante caucus e eleccións propiamente ditas, respectivamente. A atención mediática concentrada en Iowa é comparábel coa que contarán todas as etapas posteriores durante a carreira presidencial. Deste modo, a primeira vitoria parcial supón unha grande oportunidade para que o candidato presidencial se declare como un serio aspirante á Casa Branca.

Comentarios