A UE sanciona a reexportación de gas natural licuado de Rusia, cuxas importacións lidera o Estado español

A UE gastou desde febreiro de 2022 case 200.000 millóns de euros en petróleo, gas e carbón ruso.
Ursula von der Leyen. (Foto: Markku Ulander / Lehtikuva / DPA vía Europa Press)
photo_camera Ursula von der Leyen. (Foto: Markku Ulander / Lehtikuva / DPA vía Europa Press)

A Unión Europea (UE) anunciou a quinta feira un acordo para impor a rolda de sancións número 14 a Rusia pola invasión de Ucraína, que por primeira vez afectan ao gas natural licuado -o que se transporta por vía marítima- procedente de Moscova.

A presidenta do Executivo do bloque comunitario, Ursula von der Leyen, salientou que “privará Rusia de máis ingresos enerxéticos”. Porén, o paquete non veta a súa importación, senón que se centra en prohibir a reexportación de gas natural licuado ruso desde portos da UE.

Incluso coas medidas coercitivas aplicadas por Bruxelas, Moscova segue a prover arredor do 15% do gas natural da UE após o incremento das compras da súa versión licuada.

A medida atinxe especialmente ao Estado español, que importa o dobre de gas ruso que antes da invasión de Ucraína e que se converteu en 2023 no principal importador de gas licuado ruso dentro da UE.

Estímase que, con Francia e Bélxica como os outros grandes compradores, Rusia recadou aproximadamente 8.000 millóns de euros por este concepto en 2023. Asemade, os datos do Centro de Investigación sobre Enerxía e Aire Limpo sosteñen que a UE gastou desde febreiro de 2022 case 200.000 millóns de euros en petróleo, gas e carbón ruso.

Sexa como for, o Fondo Monetario Internacional prevé que a economía rusa medre 3,2% ao longo deste exercicio, en cambio, os países da UE que usan o euro como moeda oficial crecerán de media 0,8%.

Amais, Bélxica, que ostenta nestes momentos a Presidencia do Consello da UE, detallou que o paquete “proporciona novas medidas específicas e maximiza o impacto das sancións existentes fechando lagoas”, e Von der Leyen subliñou que ataca a “flota na sombra” de Rusia para transportar a súa produción e evitar estas medidas.

A China critica o "acoso e coacción" dos EUA

Pola súa parte, He Yadong, voceiro do Ministerio de Comercio chinés, criticou as sancións impostas polos Estados Unidos a empresas do país por prestar supostamente axuda a Rusia, cualificándoas como un “simple acto de acoso e coacción económica” e insistindo en que Washington “debe pór fin de inmediato á represión irracional exercida contra compañías chinesas” entre acusacións falsas.

Beijing reiterou que a súa posición arredor da guerra en Ucraína é neutral, acusando en paralelo os países occidentais de azuar o conflito namentres envían armas de forma masiva a Ucraína.

Comentarios