A raíz dunha denuncia de Vox en contra de José Félix Tezanos, presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas, a titular do Xulgado de Instrución 29 de Madrid, María Cristina Díaz, decidiu imputalo e citalo a declarar o vindeiro 29 de outubro ás 12.30.
Diante da demanda por malversación de caudais públicos, na que acusan a Tezanos de manipular as enquisas a favor do PSOE, a Fiscalía reclamou o arquivo da causa por mor de que Vox non acreditara “nada” con respecto a indicios que puideran soster ese presunto delito, presentando como base noticias e reportaxes de televisión, “así como comentarios e opinións en redes sociais”.
Amais, incidiu en que elaborar enquisas é só unha das partes do traballo do CIS, polo que hai máis vías que a exixencia de responsabilidade penal para cuestionar a eficacia desa labor, definindo a imputación como “prospectiva” e sen xustificación.
Apenas “meras sospeitas e conxecturas que vencellan de forma non axeitada a ineficacia das enquisas coa administración fraudulenta do CIS”, asegura a Fiscalía.
Alto cargo do PP
Este movemento legal chega no medio dunha estratexia da extrema dereita de xudicializar determinadas decisións políticas, que está tendo moi boa acollida nos tribunais estatais, como mostran as decisións do Tribunal Constitucional de tombar o primeiro estado de alarma e mais a suspensión de actividades no Congreso xusto no comezo da pandemia de Covid-19.
Neste caso, a xuíza titular do xulgado ocupou distintas posicións como alto cargo do Partido Popular (PP), sendo directora xeral de Política Interior no Executivo español encabezado por Mariano Raxoi e mais directora xeral de Xustiza e Seguridade da Comunidade de Madrid na etapa de Cristina Cifuentes.
A relación coa que foi presidenta rexional de Madrid é de “amizade e cariño”.
Así o relatou cando tivo que absterse na investigación sobre a filtración do mestrado falso, na que estivo implicado o actual presidente do PP, Pablo Casado, sinalaron medios estatais.